No DOG do 07/01/2013 publícase o anuncio do contrato de servizos para a realización de actuacións de carácter formativo e divulgativo na Escola Galega de Consumo adscrita ao Instituto Galego de Consumo. O dito contrato ten un valor estimado de 140.000 € que segundo o prego de prescricións técnicas son esencialmente para remunerar un equipo de traballo dun mínimo de 3 persoas (1 coordinador/a e 2 técnicos/as).

Curiosamente no prego non atopamos indicación algunha do número mínimo de horas de servizos a cubrir por este contrato de xeito global. É dicir, non se estabelece a carga de traballo en termos cuantitativos que vai ter que realizar o equipo neses 12 meses de contrato.

A Escola Galega de Consumo é unha unidade administrativa do Instituto Galego de Consumo (IGC) á que se lle adscribiron recentemente un par de prazas de persoal funcionario pero cuxas funcións principais realiza unha empresa privada. Antes de existires esta unidade como tal, xa existía esta contrata na que asistencias técnicas levan a cabo a función formativa que ten encomendada o IGC.

No momento de negociar a RPT, a CIG xa denunciou este modelo de organización administrativa no que a prestación dos servizos públicos queda en mans de asistencias técnicas para as cales non rexen as mesmas regras da austeridade que no caso das prazas de emprego público.

Dada a situación de agresión actual ao emprego público, non podemos consentir que se sigan multiplicando as contratacións con empresas privadas para levar a cabo o noso traballo. Segundo a normativa propia do IGC, a formación é dunha competencia estrutural, así pois este debera dotarse de xeito permanente do persoal propio necesario. En todo caso, dentro do IGC atópanse empregados e empregadas públicas cos coñecementos necesarios para suplir a gran maioría das actividades a desenvolver dentro desta contrata, porén prefírese seguir acudindo a empresas externas.

O que pretende a Xunta de Galiza non é aforrar, non é unha cuestión de austeridade, é unha cuestión de modelo de Administración pública; redúcese persoal propio, amortízanse postos, rebaixase salarios públicos, pero séguense facendo contratos de servizos, a maioría das veces máis caros, para funcións que poden ser desenvolvidas de xeito máis eficiente polos traballadores públicos da Xunta de Galiza.  

Dado que esta política está afectando gravemente á prestación dos servizos públicos, así como ao emprego público, a CIG-Autonómica, volve poñer enriba da mesa a súa proposta de comisión de control sobre a privatización da Administración autonómica. A atención focalizaríase en fixar se o obxecto e natureza do contrato é determinado na duración da obra e servizo e se pode considerarse que é un traballo estrutural a desenvolver con persoal laboral e funcionario da Xunta de Galiza.

Nota remitida á prensa

Defendamos o noso traballo, defendamos o noso futuro