Novas por contido

Son un total de 6 as prazas de xestión e coordinación de diferentes áreas da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes as que corren o risco de desaparecer: subdirector/a xeral de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, xefe/a do Servizo de Programación, xefe/a do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais en Lugo, xefe/a do Servizo de Montes de Lugo, xefe/a do Servizo de Montes de Ourense e xefe/a do Servizo de Montes de Pontevedra.

Dado o atraso reiterado en cubrir estas prazas, consonte ao proxecto de Lei de Orzamentos 2013 que remitiu a Xunta ao Parlamento, estas prazas deberían ser amortizadas pola súa condición de vacantes.

A normativa da Xunta de Galiza obriga a convocar os postos de libre designación e resolvelos nun prazo determinado; durante a súa tramitación estes postos poden ser cubertos temporalmente en comisión de servizo por razón de urxente e inaprazable necesidade.

Pois ben, estas 6 prazas levan ocupadas “temporalmente” desde o 2009 polas mesmas persoas de xeito continuado. Porén, non foi até 2011 a primeira das tres convocatorias públicas para a cobertura definitiva das referidas prazas que de xeito reiterado a Consellaría de Medio Rural vén declarando desertas, optando por manter de xeito indefinido ás persoas que as están a ocupar en comisión de servizos.

Segundo a normativa que regulamente as comisións de servizo, a Dirección Xeral de Función Pública non pode, dada a segunda declaración deserta no DOG do 19/12/2012 e o tempo transcorrido, autorizar comisións de servizo neses postos. Xa que logo, as persoas que os ocupan deben ser cesadas e así llo recordou a CIG-Autonómica nun escrito presentado ao director xeral de Función Pública.

Tendo en conta, así mesmo, o proxecto de Lei de Orzamentos que no seu artigo 24 obriga a amortizar todas as prazas vacantes sen cobertura, dado que quedarían sen dotar economicamente, a Xunta acaba de poñerse entre a espada e a parede da súa propia normativa.

En casos similares, desde a CIG-Autonómica animamos aos empregados públicos que cumpran os requisitos dunha praza destas características a que presenten a súa solicitude, co fin de evitar que poidan ser declaradas desertas e, ao ficar vacantes, a Xunta teña que amortizalas. Agardamos que se producise algunha solicitude para a última convocatoria (DOG do 20/12/2012), pois só de producirse o nomeamento neses postos pode ser evitada a súa amortización e un empeoramento no funcionamento do respectivo servizo público.

Obviamente, supoñemos que a consellaría acabará tapando o seu incumprimento reiterado da normativa ao acollerse á excepcionalidade de amortización que formula o Proxecto de Lei de Orzamentos en caso de "necesidade". Unha apreciación discrecional que non opera do mesmo xeito para as prazas que se cubren por criterios obxectivos. Actualmente, son varias as consellarías que están deixando sen dotación decenas de prazas de concurso que están na mesma situación que estas: cubertas en comisión de servizo por razón de necesidade e urxencia. A diferencia é que no caso das do concurso aínda non tiveron ocasión de saír á oferta pública e que está oferta pública non se cubre a dedo.

Xa que logo, puxemos en coñecemento do director xeral de Función Pública estes feitos para que non se continúen repetindo, recordándolle a súa responsabilidade que, de ter exercido, non se tería chegado a estes extremos. En calquera caso, a CIG resérvase o dereito de acudir aos tribunais de xustiza para evitar que se siga burlando o cumprimento da normativa de provisión de postos.

Documentación relacionada:


Nota remitida aos medios

Outras novas recentes

Mércores, 20 Marzo 2024

Procedemento de acreditación dos méritos do concurso-oposición de estabilización dos subgrupos A1, A2, C1 e C2 e grupos I, III e IV

No DOG do 20/03/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos de determinados procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de...
Xoves, 21 Marzo 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social

Riscos para a saúde moi elevados nas escolas infantís O venres tivo lugar unha nova xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social, no que estaban presentes os representantes das consellería de política social, servizo de prevención propio da Xunta, servizo de prevención alleo (Qualtis), representantes do Consorcio e delegadas e delegados de prevención...
Venres, 22 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Agrupación profesional-Subalterno (22/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega un listado de prazas que ofertará para a elección de destino do proceso selectivo da agrupación profesional - subalterno. A localidade dos postos pode verse no código que vai nas posicións 11 a 15 do código (XX.XXX.XX.XXX.XXXXX.XXX) No mesmo arquivo que poñemos a túa disposición para descargar, vai tamén a RPT íntegra con todos os...