Novas por contido

O pasado 9 de xaneiro, o secretario xeral da Presidencia, Valeriano Martínez, compareceu no Parlamento para explicar os orzamentos do seu departamento para 2013. Na súa comparecencia, quedaron demostradas unha vez máis a mentira, o cinismo e a hipocresía que caracterizan aos gobernos do PP e, en particular, ao goberno da Xunta de Galiza. A “falsa” austeridade da que fai gala Feijóo quedou unha vez máis en evidencia coas “explicacións” dadas polo seu secretario xeral.

O orzamento para a contratación de persoal eventual de gabinete da Secretaría Xeral de Presidencia, inicialmente, víuse reducido nun 5% con respecto ao 2012, pasando de 785.233,99 € a 745.972,29 €, mais o verdadeiramente insultante está en que logo desa redución incrementouse en case un 22%, ata acadar os 908.818,20 €.

O secretario xeral da Presidencia, Valeriano Martínez, xustificou esta suba nos cambios estruturais  acontecidos na Presidencia da Xunta, da que agora pasan a depender a extinta Secretaría Xeral de Modernización Tecnolóxica, agora axencia pública Amtega, e a Axencia de Turismo de Galicia, antiga Secretaría Xeral do Turismo. Segundo as súas palabras, “as contías establecidas enmárcanse nun contexto de austeridade e de cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria.”

Para a CIG-Autonómica, tratar de defender un recorte xeral do 5% no persoal de gabinete da Xunta de Galiza cando realmente a partida adicada a este apartado na secretaría xeral da Presidencia viuse incrementada, logo desa redución, en case un 22% resulta, cando menos, vergoñento, de non ser porque o goberno de Feijóo descoñece o verdadeiro significado desta palabra.

Compre lembrar que nos estatutos de creación das distintas axencias logrouse, en contra da pretensión inicial da Xunta de Galiza e grazas á loita da CIG-Autonómica, que estes entes non poidesen contratar  persoal de confianza.

De aí ven que a verdadeira gravedade deste asunto, fóra do incremento en si, radica en que con esa suba do 22% no orzamento de 2013, estase mantendo ao persoal de confianza da antiga Secretaría Xeral de Modernización Tecnolóxica cunha partida de 73.910 € e, por outra banda, estase orzamentando unha nova partida de 88.935,91 € para a Axencia de Turismo de Galicia, cando no 2012 a Secretaría Xeral de Turismo non tiña persoal de gabinete.

Para a CIG-Autonómica queda suficientemente demostrado que con esta fraude a Xunta de Galiza está a incumprir a legalidade ao manter de xeito encuberto persoal de confianza nestas dúas axencias.

Dende a CIG-Autonómica esixímoslle á Xunta de Galiza o cumprimento estrito da legalidade así como a aplicación de verdadeiras medidas de aforro fóra dos recortes discrecionais e unicamente dirixidos ao conxunto de empregadas e empregados públicos.

Outras novas recentes

Mércores, 20 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Minas-Bibliotecas-Arqueologos-Museos-Obras Publicas-Arquivos (19/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega os listados de prazas que ofertará para a elección de destino dos seguintes procesos selectivos: A1 Minas A1 Bibliotecas A2 Bibliotecas A1 Arqueólogos A1 Museos A2 Museos A2 Obras Públicas A2 Arquivos Neste lote botamos en falta A1 de Arquivos.
Xoves, 21 Marzo 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social

Riscos para a saúde moi elevados nas escolas infantís O venres tivo lugar unha nova xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social, no que estaban presentes os representantes das consellería de política social, servizo de prevención propio da Xunta, servizo de prevención alleo (Qualtis), representantes do Consorcio e delegadas e delegados de prevención...
Venres, 22 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Agrupación profesional-Subalterno (22/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega un listado de prazas que ofertará para a elección de destino do proceso selectivo da agrupación profesional - subalterno. A localidade dos postos pode verse no código que vai nas posicións 11 a 15 do código (XX.XXX.XX.XXX.XXXXX.XXX) No mesmo arquivo que poñemos a túa disposición para descargar, vai tamén a RPT íntegra con todos os...