O pasado 9 de xaneiro, o secretario xeral da Presidencia, Valeriano Martínez, compareceu no Parlamento para explicar os orzamentos do seu departamento para 2013. Na súa comparecencia, quedaron demostradas unha vez máis a mentira, o cinismo e a hipocresía que caracterizan aos gobernos do PP e, en particular, ao goberno da Xunta de Galiza. A “falsa” austeridade da que fai gala Feijóo quedou unha vez máis en evidencia coas “explicacións” dadas polo seu secretario xeral.

O orzamento para a contratación de persoal eventual de gabinete da Secretaría Xeral de Presidencia, inicialmente, víuse reducido nun 5% con respecto ao 2012, pasando de 785.233,99 € a 745.972,29 €, mais o verdadeiramente insultante está en que logo desa redución incrementouse en case un 22%, ata acadar os 908.818,20 €.

O secretario xeral da Presidencia, Valeriano Martínez, xustificou esta suba nos cambios estruturais  acontecidos na Presidencia da Xunta, da que agora pasan a depender a extinta Secretaría Xeral de Modernización Tecnolóxica, agora axencia pública Amtega, e a Axencia de Turismo de Galicia, antiga Secretaría Xeral do Turismo. Segundo as súas palabras, “as contías establecidas enmárcanse nun contexto de austeridade e de cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria.”

Para a CIG-Autonómica, tratar de defender un recorte xeral do 5% no persoal de gabinete da Xunta de Galiza cando realmente a partida adicada a este apartado na secretaría xeral da Presidencia viuse incrementada, logo desa redución, en case un 22% resulta, cando menos, vergoñento, de non ser porque o goberno de Feijóo descoñece o verdadeiro significado desta palabra.

Compre lembrar que nos estatutos de creación das distintas axencias logrouse, en contra da pretensión inicial da Xunta de Galiza e grazas á loita da CIG-Autonómica, que estes entes non poidesen contratar  persoal de confianza.

De aí ven que a verdadeira gravedade deste asunto, fóra do incremento en si, radica en que con esa suba do 22% no orzamento de 2013, estase mantendo ao persoal de confianza da antiga Secretaría Xeral de Modernización Tecnolóxica cunha partida de 73.910 € e, por outra banda, estase orzamentando unha nova partida de 88.935,91 € para a Axencia de Turismo de Galicia, cando no 2012 a Secretaría Xeral de Turismo non tiña persoal de gabinete.

Para a CIG-Autonómica queda suficientemente demostrado que con esta fraude a Xunta de Galiza está a incumprir a legalidade ao manter de xeito encuberto persoal de confianza nestas dúas axencias.

Dende a CIG-Autonómica esixímoslle á Xunta de Galiza o cumprimento estrito da legalidade así como a aplicación de verdadeiras medidas de aforro fóra dos recortes discrecionais e unicamente dirixidos ao conxunto de empregadas e empregados públicos.