O goberno do PP pretende, vía disposición adicional décimo setima da lei de orzamentos do 2013, a suspensión do art. 19.1 do vixente V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galiza, polo que o descanso semanal de dous días continuados pasaría a ser de día e medio como se recolle no Estatuto dos Traballadores.

O Comité Intercentros na súa xuntanza do martes 15 de xaneiro cos grupos parlamentares PP, PSOE, AGE e BNG, veu a denunciar que a decisión do goberno do PP é propia dunha república bananeira xa que, bordeando a legalidade, muda o pactado libremente na negociación colectiva, a pesares de que o art. 37.1 da Constitución española establece a forza vinculante dos convenios colectivos. Manifestamos o malestar  por esa doble faciana do goberno galego, cando actuando como poder executivo é quen de asinar un convenio e, de seguido ser quen de mudalo empregando a  súa maioría absoluta na cámara galega. Denunciamos que esta actuación ven precedida  da "suspensión sine díe" de varios artigos do mesmo convenio coa Lei de medidas do emprego público de galiza.

Aos grupos parlamentares esixímoslles que defendesen o respeto á utilización das canles establecidas no convenio colectivo para a negociación das condicións de traballo do persoal laboral da Xunta de Galiza.

PSOE, AGE e BNG asumiron como propias as nosas denuncias e comprometéronse a formular emendas de supresion da disposición adicional décimo setima do proxecto de lei dos orzamentos xerais da Xunta de Galicia. Pola contra o grupo do PP non entendía ou non quería entender as consecuencias da eliminación do art. 19.1.