A CIG recórdalle o seu compromiso co Decreto que regulamenta a flexibilización de xornada

Esta consellaría, "logo de comprobar a existencia dunha desviación horaria de diverso persoal", non se lle ocorreu mellor cousa que, no canto de efectuar apercibimentos puntuais a este persoal tan diverso (imaxinamos que o de diverso será porque hai desde directores xerais ata persoal subalterno), o que fixeron foi dar un toque en xeral a todo o persoal da consellaría.

Estas chamadas de atención xenéricas supoñen un insulto para a maioría das compañeiras e compañeiros que cumpren rigorosamente o seu horario e parecen máis ben balas que darlle á prensa coas que disparar contra a nosa dignidade. Semella que esteamos no exército e que houbese que disciplinar a toda a tropa porque un par de soldados chegaron tarde ao adestramento. Pois non señora, as cousas non se fan así e xa cheiran de máis este tipo de actuacións de "pagar xustos por pecadores".

Porén, cando hai que facer experiencias positivas, por exemplo, no tema do teletraballo, apúranse en facer proxectos única e exclusivamente con determinadas escalas, xa que para este tipo de cousas si que se discrimina. Parece ser que o Kronos só está sendo empregado para botar reprimendas xenéricas e os beneficios que nos ía traer a todas e todos ficaron no limbo xunto co resto de medidas que non son de castigo para as empregadas e empregados públicos.

Xa vai sendo hora de que a Xunta se poña as pilas e retome de novo a implantación dun horario flexible para todo o persoal da Xunta, xa está ben de que se paralice o desenvolvemento dos nosos dereitos sen motivo algún. Desde a CIG demandamos que se deixen de pegar toques xerais e se poñan a traballar en cuestións de persoal que están pendentes desde hai ben tempo, como é o Decreto de xornada laboral, flexibilización e teletraballo, que parece que só saben recortar e nunca achegar nada en positivo.

Descargar escrito dirixido á consellaría