A Administración presenta un novo documento e aclara que na táboa de compensacións está equivocada a data do ano 2013, xa que é do 1 de xaneiro de 2013 a 31 de decembro de 2013 e non como figura no documento entregado.

A CIG solicita que se retire toda a referencia a compensación en diñeiro polo domingos e festivos e que, salvo que nas diferentes asembleas nos manifesten as compañeiras e os compañeiros outro parecer, seguimos a solicitar que as compensacións sexan en tempo e non en diñeiro, como xa temos manifestado en diferentes momentos.

Sen tempo apenas para estudar a fondo o documento facemos as seguintes consideracións:

  • Art. 1º.- Eliminar o segundo parágrafo, xa que isto vai implícito co manifestado máis arriba de que non queremos negociar diñeiro por tempo.

  • Art. 3º.- No cuarto parágrafo non estamos de acordo cos días que ofrecen de compensación para xornadas onde o descanso non chegue as doce horas entre xornadas. Manifestamos que esta circunstancia, de xeito excepcional, só se pode producir cando sexa previo ao descanso semanal e non antes de xornadas, xa que se non sería unha deturpación absoluta do descanso (podería darse a circunstancia de que unha persoa que remata unha quenda ás 15h comece a seguinte ás 22h e iso é inaceptábel).

  • Os días de compensación teñen que ser os que se xeren, é dicir, a persoa que xenere un día de compensación é a que se lle ten que dar, e non de forma xenérica. No caso de que sexa de forma xenérica teñen que ser como mínimo 9 días para a xente que traballe a 3 quendas e 6 para a que traballe a 2 quendas.

  • Art. 4º.- A compensación tense que lle dar tamén a xente que eses días coincidan cos da libranza e, no caso de compensar os festivos economicamente, estes teñen que considerarse tamén a eses efectos, o mesmo que si se compensa con tempo igual.

  • Art. 5º.- Como regra xeral un domingo e un festivo inhabilita para traballar outro, de xeito excepcional e despois de ser negociado, poderá haber algunha carteleira que recolla a libranza de un domingo ou festivo cada tres.

    • número máximo de xornadas consecutivas será de 5, e de xeito excepcional e despois de ser negociado, poderá haber algunha carteleira que recolla un máximo de 7 xornadas consecutivas.

    • número máximo de noites consecutivas será de 2, e de xeito excepcional e despois de ser negociado, poderá haber algunha carteleira que recolla un máximo de 3 noites seguidas.

  • Art. 6º. Retiralo.

Posicionamentos das outras OO.SS. e da Administración.

  • Todas as OO.SS. subscribiron as nosas alegacións, excepto no tema do diñeiro, sobre o cal CC.OO pide que o que se oferta para o ano 2013 se pase ao 2012 e o do 2014 ao 2013, é dicir, acepta que se pague por descanso. UGT pediu que o diñeiro que existe se reparta de xeito lineal, é dicir, que non se divida por grupos e sexa a mesma cantidade para todos igual. CSIF non falou de diñeiro, quere tempo libre.

  • A Administración tiña a postura xa marcada non documento que enviou (como non podía ser doutro xeito, si non sería un cachondeo que ao chegar a unha xuntanza cambiara de opinión) e o único que manifestou é que contestará cun novo documento ás alegacións presentadas.

Antes de empezar a intervención a CIG preguntou si estaban dispostos a retirar a Disposición que anula o artigo do convenio da Lei de Orzamentos, ao que contestaron que si se asina o acordo evidentemente si que a retirarían, xa que como recolle no mesmo acordo a aplicación dos descansos é consorte ao artigo 19.1

Podes descargar o borrador do acordo ao que se refiren estas alegacións nesta ligazón.