Novas por contido

O 29 de xaneiro, a Xunta de Persoal da Xunta de Galicia en Lugo mantivo unha entrevista co Fiscal Provincial de Lugo para darlle coñecemento do que ao noso entender é un dos máis claros exemplos de cómo se pode ignorar a lei todos os días e nin tan sequera disimulalo. E para ilustrar a nosa acción, elaboramos un informe (preme aquí para descarregalo) no que se poñen de manifesto e con exemplos, varios incumprimentos da Xunta de Galicia en materia de normativa reguladora nas comisións de servizos.

A comisión de servizos é un procedemento de provisión de postos de traballo de carácter excepcional para darlle cobertura a postos vacantes que teñan unha urxente necesidade. É un procedemento regulado e creado para suplir unha eiva temporal e está limitado no tempo xa que o procedemento ordinario é o concurso de traslados. O problema radica en que os concursos de traslados que deberían ser anuais e resolvidos en seis meses (artigo 29 da LFPG) no seo da Xunta de Galicia temos exemplos de concursos de traslados que se demoran ata dez anos.  Á parte diso, a Xunta de Galicia incumpre sistematicamente toda a normativa reguladora deste medio de provisión temporal como poñemos de manifesto no informe presentado e que se estrutura deste xeito:

 

  • Antecedentes: Nesta parte do informe poñemos de manifesto perante a Fiscalía provincial as solicitudes feitas por esta Xunta de Persoal desde xuño de 2011, solicitando información dos/das responsables da Xunta de Galicia sobre as comisións de servizo na nosa provincia sen ter nunca resposta por parte das autoridades e de como vimos denunciando periodicamente aquelas comisións de servizo que son a todas luces irregulares.
  • Aplicación e situación: Expóñense no informe os puntos onde se incumpre a normativa reguladora. Máis do 50% das comisións de servizo da provincia de Lugo incumpren a limitación temporal de dous anos que indica a lexislación. Tamén se burla a normativa en dereitos dos traballadores e traballadoras a optar limpamente a unha comisión de servizos cun mínimo de garantías de imparcialidade no proceso.Neste apartado tamén se pon de manifesto a utilización da comisión de servizos en postos de libre designación  na administración para non perder a praza que teñen obtido no concurso de traslados.  Neste caso temos exemplos tan claros como varias Xefaturas Territoriais ou o Secretario Territorial que tamén incumpren a limitación de tempo dunha comisión de servizos. Por último, analizamos que máis do 60% das comisións de servizo da provincia de Lugo están concedidas aos niveis máis altos da nosa administración coma se de postos de libre designación se tratase.
  • Referencia de sentenzas:  Nesta parte xuntamos sentenzas individuais de traballadores e traballadoras que se sentiron discriminados/as e decidiron acudir á xustiza para que se respectasen os seus dereitos.  Varios exemplos da acción da xustiza contra a Xunta de Galicia por este asunto.
  • Denuncia: Presentación ante a Fiscalía Provincial do que consideramos que é unha práctica irregular sistemática e continuada contra a lexislación e a normativa vixente para que investigue os feitos e actúe se cre que o debe facer.Denúnciase á Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Lugo e mais ao Director Xeral da Función Pública para que se estude se puideron ter incorrido en presuntos delitos de prevaricación ao seren coñecedores dos feitos tal e como acredita o informe.
  • Anexos : Enumeración das comisións de servizo concedidas na nosa provincia durante o último ano, libres designacións na Xefatura Territorial do Medio Rural e documentación de todas as denuncias e escritos feitos por esta Xunta de Persoal para intentar poñerlle freo a estas prácticas.

Outras novas recentes

Mércores, 20 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Minas-Bibliotecas-Arqueologos-Museos-Obras Publicas-Arquivos (19/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega os listados de prazas que ofertará para a elección de destino dos seguintes procesos selectivos: A1 Minas A1 Bibliotecas A2 Bibliotecas A1 Arqueólogos A1 Museos A2 Museos A2 Obras Públicas A2 Arquivos Neste lote botamos en falta A1 de Arquivos.
Venres, 22 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Agrupación profesional-Subalterno (22/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega un listado de prazas que ofertará para a elección de destino do proceso selectivo da agrupación profesional - subalterno. A localidade dos postos pode verse no código que vai nas posicións 11 a 15 do código (XX.XXX.XX.XXX.XXXXX.XXX) No mesmo arquivo que poñemos a túa disposición para descargar, vai tamén a RPT íntegra con todos os...
Xoves, 21 Marzo 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social

Riscos para a saúde moi elevados nas escolas infantís O venres tivo lugar unha nova xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social, no que estaban presentes os representantes das consellería de política social, servizo de prevención propio da Xunta, servizo de prevención alleo (Qualtis), representantes do Consorcio e delegadas e delegados de prevención...