O atraco ao erario público formalizouse coa sinatura dun curioso Convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Consellería de Traballo e Benestar e a Entidade Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres para o desenvolvemento das distintas actuacións necesarias para a adquisición do Castelo de Pambre.

O custo total da operación por ambas consellarías é de 3,1 millóns de € dos que Traballo e Benestar achega a maioría dos cartos: 2 millóns de €. E que fai Traballo e Benestar poñendo cartos para a recuperación do patrimonio cultural? Pois o fai porque Cultura non tiña suficiente dotación (supoñemos que algo terá que ver o buraco negro da Cidade da Cultura) e dado que o castelo se lle compraba a unha entidade que realizaba actividades benéficas, Traballo e Benestar xa ten a xustificación para continuar na súa teima de prestar os servizos sociais non rentables a través da beneficencia.

O tema tivo repercusión na prensa a finais do ano pasado cando se asinou o convenio pero parece que non chamou a atención o rocambolesco sistema de prestación de servizos sociais a través da vía da caridade. O caso salta á palestra coa publicación, no DOG do 30 de xaneiro, dos convenios de colaboracións subscritos por Traballo e Benestar no último cuatrimestre  do ano 2012.

Pode resultar contraditorio que mentres a consellaría de Traballo e Benestar recorta en material de primeira necesidade nos centros de Benestar como poden ser os cueiros e as sabas, así como no descanso do seu persoal, logo tire de talonario para axudarlle a Cultura e Educación a comprarlle un castelo a unha entidade relixiosa. Porén, non resulta tan estraño se contemplamos que detrás do mantra da “austeridade” non hai máis que un cambio no modelo de prestación dos servizos sociais: os que sean rentables vanse vendendo a empresas privadas e os que non vannos conveniando con entidades benéficas.

Desde a CIG defendemos a labor de recuperación do patrimonio pero nesta recuperación hai moitos puntos escuros; se non podía mantelo a entidade podía ter doado gratis o castelo á Xunta para a súa conservación como gratis lle foi entregado. O que non se xustifica é que ista “recuperación do patrimonio” se faga con diñeiro dos servizos sociais que moita falta fan para cuestións tan básicas nos nosos desatendidos centros públicos de Benestar, onde os seus profesionais cada día teñen que facer máis con menos.