Rajoy, Bárcenas, Feijoo, Ana Mato, Louzán, Montoro, Urdangarín, de Guindos, e outros moitos persoeiros, concentráronse este xoves día 7 diante do Edificio Administrativo de Campolongo. E a vós non vos teñen dado sobres?. Si, con papeletas!!, di a fenomenal viñeta do Carrabouxo cando un paisano do rural interpela a outros sentados nun banco.

Os empregados/as públicos/as non queremos sobres, nin con cartos nin con papeletas. Queremos que se retribúa dignamente a nosa forza de traballo, queremos que se valore o noso traballo como servidores públicos, e queremos que non se nos utilice como vítima propiciatoria para tratar de xustificar políticas de recortes encamiñadas a afundir o público. E sobre todo cando quenes predican austeridade na súa vida persoal se comportan como hampóns recollendo sobres, cobrando en negro de empresas que logo sacan suculentos beneficios de contratos coas Administracións.

 Non se pode tolerar que horteras que gastan máis de 4.000 euros en confeti e serpentinas cos cartos de todos/as, logo se erixan en imaxe de marmóreo estoicismo e austeridade.

Por iso, os empregados/as públicos/as de Campolongo, saímos á rúa unha vez máis para dar fe de que a Administración e os seus traballadores tamén sofren e soportan as condutas dos corruptos moi directamente, para opoñernos a uns Orzamentos restritivos, para opoñernos ao baldío de prazas na Administración que propón o PP coas súas amortización, e para facer fronte a ese hermo estepario que é a imaxe que Feijoo e os seus teñen dos servizos públicos: uns Servizos Públicos sen prazas, sen dereitos, sen cartos, mentres a alegría de sobres e confeti inundan os domicilios dos amigos Populares.