A Secretaría Xeral de Administracións Públicas aprobou por medio de Resolución do 28 de decembro de 2012 (BOE 29/12/2012) unhas instrucións actualizadas en materia de xornada de traballo aplicables aos empregados públicos da Administración Xeral do Estado (AXE).

Estas instrucións para o persoal da AXE proporcionan en certos aspectos unha regulación sensiblemente máis favorable que a correspondente no ámbito da Xunta:

- Desenvólvense con alcance xeral a xornada flexible e os diferentes tipos de xornada de traballo no ámbito da AXE. A Xunta carece de normativa de alcance xeral que regule os diferentes tipos de xornada dentro dos diferentes tipos centros e consellerías  da Administración xeral, configurándose a flexibilización de xornada non como un dereito exercitable por todo o persoal senón como un permiso condicionado e só exercitable baixo a concorrencia duns supostos restrinxidos.

- Regúlase con carácter estable a xornada de verán no Estado entre o 16 de xuño e o 15 de setembro, que no caso da Xunta foi en 2012 do 1 de xullo ao 14 de setembro e depende cada ano de instrucións de carácter  graciable condicionadas á vontade política da Administración.

- Disponse que no ámbito da AXE os centros da Administración permanecerán pechados os días 24 e 31 de decembro de cada ano –agás no caso das oficinas de Rexistro-.

- Establécese unha compensación en forma de días de permiso adicionais para o persoal da AXE no caso da coincidencia do 24 e 31 de decembro ou doutras festividades de ámbito estatal en festivo, sábado ou día non laborable.

- Transponse na normativa do Estado para o persoal da AXE a suspensión das vacacións en caso de incapacidade temporal de acordo coa xurisprudencia comunitaria europea, mellorando a regulación existente para o persoal da Xunta.

- Permítese ao persoal do AXE gozar por días soltos até 5 dos 22 días de vacacións anuais.

En base a estas razóns, a CIG-Autonómica vén de se dirixir á Dirección Xeral da Función Pública para demandar á incoporación destas melloras na normativa autonómica, garantindo para o persoal funcionario e laboral da Xunta de Galicia un tratamento equivalente ao do persoal da AXE nas materias mencionadas.

Descargar o escrito dirixido á Dirección Xeral da Función Pública o 11/02/2013