Isto confirma que as declaracións de Feijó de que non se ían producir despedimentos na admnistración eran "falsas"

Dentro da política de amortizacións que vén levando a cabo a Xunta de Galiza, a consellaría de Educación pretende amortizar 48 prazas de subalternos/as e auxiliares de centros de ensino que están cubertas por persoal interino. Así o denunciou onte a tarde en rolda de prensa a CIG-Autonómica, na que compareceron acompañados de traballadoras/es afectados por esta decisión.

Consideramos que as declaracións que fixo Feijoo de que non se ían producir despedimentos da administración resultan ser falsas; nin sequera se cumpre o recollido no Proxecto de Lei de Orzamentos de amortizar todas as vacantes sen ocupación, senón que amortizan vacantes que están ocupadas.

Isto vai repercutir sobre a cidadanía, xa que en moitos centros de ensino se vai ver como hai unha merma nos servizos complementarios, na atención ao alumnado, na celeridade dos trámites administrativos das secretarías e na vixilancia e custodia dos centros, entre outras. Iste é un deterioro máis no eido do ensino público xa que malia tratarse de persoal administrativo e de servizos presta un apoio fundamental para que se desenvolva correctamente a actividade docente.

Para o noso sector esta é a plasmación da política imposta pola Dirección Xeral de Orzamentos de amortizar postos de traballo sen criterio algún que atenda a unha xestión lóxica dos recursos humanos da administración.

Estes despedimentos están directamente relacionados co proceso que xa se puxo en marcha na consellaría de Traballo onde se amortizan un total de 251 prazas das cales 80 están ocupadas.