A medida suporá avanzar no desmantelamento das Oficinas de Valoración comarcal do Servizo de Dependencia.

O Plan de amortizacións de postos de traballo que a Consellaría de Traballo e Benestar ten intención de levar adiante suporá, para a comarca de Ferrolterra, unha considerábel perda na calidade dos servizos sociais, xa que levará ao despedimento de 7 traballadores/as no servizo de Dependencia e 1 persoa no centro sociocomunitario. Na comarca de Compostela, serán 6 os traballadores e traballadoras da Oficina de Valoración de Dependencia e Discapacidades que serán despedidos/as e os postos amortizados.

Dende a CIG-Autonómica denuncian a falta de consistencia na xustificación de motivos alegadas pola Consellaría de Traballo e Benestar para estas amortizacións. Dende o Goberno galego arguméntase que se dará unha maior axilidade na tramitación de expedientes ao centralizar os órganos de valoración da Dependencia en A Coruña. Por esta razón suprimiríanse os  equipos de avaliación en Ferrol e Compostela, mais non se crean os correlativos postos centralizados nos servizos de Dependencia da Coruña.

Esta actuación fainos desconfiar dos verdadeiros motivos desta medida, pois até o de agora as avaliacións e cualificacións facíanse en Ferrol e Compostela, polo que se teme que finalmente os expedientes destas comarcas acaben amoreándose na Coruña. Ou será que unha vez máis esta Administración o único que busca é desfacerse de traballadores/as públicos para darlle o contrato a empresas amigas privadas centralizadas nos seus despachos?

Fronte a este desmantelamento dos servizos públicos, dende a CIG rexeitan que exista xustificación algunha para o despedimento de traballadores e traballadoras en base ao ben común cando o único que se saca é o ben de uns poucos.

Por iso, deféndese que a comarca de Ferrolterra e tamén a de Compostela, sigan contando cuns servizos públicos da calidade que a súa cidadanía se merece, especialmente tratándose dun tema tan sensíbel como a dependencia e a discapacidade. Dun equipo de 24 e 19 traballadores/as, dos que constan respectivamente as Oficina de Valoración da Discapacidade e Dependencia de Ferrol e Compostela, que se prescinda de 13 persoas, por moita reorganización que se queira vender, significa desmantelar un servizo social que tanta falta fai nesas comarcas.