Acudiron tamén traballadores/as do complexo xuvenil “As mariñas” en gandarío para defender a continuidade do seu centro de traballo que a consellería quere desmantelar.

O mércores 20 de febreiro de 2013, membros do Comité de Empresa de Traballo e Benestar e un grupo de traballadoras/es de Gandarío levaron adiante unha protesta contra a amortización de postos de traballo, co desmantelamento de centros como Gandario ou as oficinas da Dependencia en Santiago e Ferrol, e a amortización de prazas en residencias de maiores, oficinas de emprego e centros de maiores.

Asi mesmo presentaronse máis de 300 sinaturas esixindo que o traballo en domingos e festivos sexa compensado en tempo libre e non pagando como pretende a Xunta. O descanso é fundamental para a saúde dos traballadores e traballadoras, non queremos cartos, queremos librar.

A conselleira de Traballo e Benestar, deu como resposta a estas demandas o envio dun numeroso grupo de policias para "controlar" aos traballadores e traballadoras que esixian os seus dereitos e denunciaban o despido de persoal laboral. A mobilización continou ata cerca das 15,00 horas, cando o presidente do Comité e representantes dos sindicatos, informaron da negativa a reunirse da nova secretaria xeral de Traballo e Benestar e anunciaron a continuidade das mobilizacións na defensa dos postos de traballo e dos dereitos do persoal laboral.

É o momento de unirse e moverse, todo o persoal laboral para que non pisoteen os nosos dereitos e para defender os nosos postos de traballo, fronte a quen os quere suprimir, precarizar e entregar ao beneficio das empresas privadas.