O xoves, 21 de febreiro, delegadas e delegados dos dous órganos de representación dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza concentráronse ás portas do Consello da Xunta vestidos de mendigos e con cartaces, protestando polos despedimentos que van supoñer as propostas de amortización de diferentes consellaría.

Fixeron unha sentada a escasos metros da sala onde se estaba a celebrar o Consello da Xunta co obxecto de que ao saír puidesen velos as conselleiras e conselleiros, así como o Presidente da Xunta. A pesar de que estaban en silencio, non tardaron en ser invitados amablemente pola policía a abandonar o recinto de San Caetano. Fóra continuaron coa protesta, xa de xeito ruidoso con lemas como "Queremos traballar e non mendigar", "Non, non, non, ás amortizacións" ou "Non falta pan, sobran chourizos".

As persoas alí concentradas chamaron a atención sobre o proceso privatizador dos servizos públicos e sobre as mentiras do Presidente da Xunta de que a pesar das diversas rebaixas salariais, agora estase propoñendo mandar a traballadores e traballadoras públicas a rúa. Non é unha visión agradable a miseria e a mendicidade, pero coa dita performance quería denuciar o destino inxexorable ao que nos conducen á clase traballadora (tamén á pública) todas estas políticas de recortes.

Do mesmo xeito, denunciaron a falsa austeridade que se produce ao despedir traballadores públicos mentres se contrata con diversas empresas privadas para facer o seu traballo ; "eu antes era funcionario e agora unha empresa fai o meu traballo" podíase ler nun dos cartaces. Tamén chamaban a atención ao resto do persoal da Xunta de Galiza sobre a necesaria solidariedade coas persoas afectadas para o éxito da loita obreira e non rematar todos e todas, uns antes e outros despois, neste desagradable futurible.