O presidente da Xunta de Galiza cando xustificou que no proxecto de orzamentos houbese unha rebaixa salarial para os empregados públicos foi coa promesa de non proceder a despedimentos e manter na súa totalidade a dotación de persoal e así cadrar as contas públicas.

A proposta de modificación da relación de postos de traballo da Consellaría de Traballo e do Benestar presenta unha redución de 251 efectivos. Esta brutal eliminación de postos de traballo non só afecta a postos vacantes; tamén implica o despedimento do persoal laboral indefinido, 19 postos de traballo, aos que se lles aplica a reforma laboral do goberno de Rajoi; despedimentos obxectivos por causas económicas. Por primeira vez a Xunta fará uso desta reforma laboral que prima o despedimento case que gratuíto.

Aniquílanse as unidades de valoración da dependencia de Ferrol e de Santiago, 8 e 6 postos de traballo respectivamente. Elimínase a dotación de persoal do complexo xuvenil de Gandarío; 11 postos de traballo. Continúa a sangría de postos na residencia de Tempo Libre de Patos-Nigran, 3 postos, nas residencias de maiores, no centro de atención a persoas con discapacidade de Redondela, 4 postos.... e así ata achegares a totalidade de 251 efectivos.

Sen embargo, a Consellaría decide crear outros postos de traballo sen contido e duplicalos para satisfacer a súa clientela; catro postos de comisarios políticos, servizos de coordinación de centros.

O comité intercentros do persoal laboral da Xunta de Galiza rexeita, enerxicamente, esta política de destrución dos servizos públicos.

Rexeitamos na súa totalidade a proposta da Consellaría de Traballo e do Benestar de proceder á supresión de 251 postos de traballo da relación de postos e facemos un chamamento aos empregados públicos para mobilizarse e tentar impedir esta brutal amortización dos postos dos nosos compañeiros e compañeiras de traballo.

Esiximos que o presidente da Xunta de Galiza cumpra o seu compromiso de non promover a despedimentos.

Esiximos que a Xunta de Galiza non bote man da reforma laboral que propicia os EREs nas administracións públicas.