No eido dos estudos históricos denomínase absentista a aquel que ve medrar as súas rendas e o seu patrimonio descoidando a súa explotación e as súas obrigas.

Feijoo, ven de declarar que o absentismo na Xunta de Galiza pola aplicación da Lei de Medidas reduciuse notablemente e isto supuxo un aforro de 26 millón de euros. Isto faino o mesmo día que coñecemos que o seu patrimonio medrou considerablemente nestes dous anos de recortes. Mentres os/as empregados públicos/as vimos mermar as nosas retribucións en case un 15% en dous anos el ven de incrementar o seu patrimonio nun 12% nunha época de crise.

E unha vez máis este absentista utiliza aos empregados/as públicos/as de escudo para tratar de desviar a atención do bochornoso incremento patrimonial, mentres descoida as súas obrigas como cabeza dunha Administración Pública que esmorece.

No proceso de elaboración da Lei de medidas, Feijoo xa utilizou o argumento do aforro que se produciría ao suprimir os días de asuntos persoais e do imposto sobre a enfermidade que supoñía o deixar de pagar o 100% das IT.

Xa daquela calculaba un aforro de 22 millóns de euros por este concepto. A CIG mostrouse disposta a sentarse e estudar o tema do absentismo pero con datos e cifras reais. A Xunta declinou o ofrecemento. Pedimos datos das IT e as taxas de absentismo laboral en cada consellaría para valorar si efectivamente era un problema, analizar as causas e poder saber si existía tal absentismo ou era superior ao do sector privado. Moito tiña que ocultar a Xunta porque nunca ofreceu datos que puidesen demostrar que o absentismo fose superior ao do sector privado.

E agora, xusto cando descubrimos que Feijoo incrementa o seu patrimonio, a Xunta ponlle diante a caetra do recadado coas baixas dos empregados/as públicos/as para demostrar a implicación de Feijoo coa austeridade. Austeridade non aplicable a este absentista, que vive de rendas esperando a chamada de Madrid mentres descoida as súas obrigas coa Administración galega porque durante catro anos de pasmoneo vai ter asegurado o seu 12% aínda que os Servizos Públicos esmorezan.