Comezará ás 12:00 horas e se prolongará até que se voten os orzamentos da Xunta de Galiza para 2013

A Plataforma Galega en defensa dos Servizos Públicos convoca unha concentración para este martes, día 26 de febreiro, ás 12:00 horas, diante do Parlamento de Galiza. Con esta mobilización que coincide coa votación dos orzamentos da Xunta de Galiza para 2013, aos que queren manifestar o seu máis rotundo rexeitamento. Denuncian que poñen en perigo os servizos públicos, promoven a supresión e despedimento de persoal e deterioran as súas condicións laborais e económicas.

A Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos denuncia que os ornamentos que están a piques de se aprobar “estrangulan” os servizos públicos deteriorando até o extremo a atención aos usuarios e usuarias dos mesmos e precarizan as condicións laborais das traballadoras e traballadores que desenvolven a súa actividade no sector. Ademais, favorecen a amortización de postos de traballo, pola vía da non reposición de efectivos, e abren a vía para realizar despedimentos.

A CIG, que forma parte da plataforma, alerta de que tras dos recortes orzamentarios agóchase a pretensión do Partido Popular de favorecer a privatización dos servizos públicos. Por iso fai un chamamento ás empregadas e empregados públicos e á sociedade no seu conxunto a participar nesta concentración en defensa dos servizos públicos e dos dereitos laborais e sociais das súas traballadoras e traballadores.