A Xunta de Galiza vai eliminar os laboratorios de saúde pública de Pontevedra, Coruña e Ourense, que controlan os produtos que comemos e bebemos, e centralizar todo no único laboratorio de Lugo nunha manobra que vai traer consecuencias.

En primeiro lugar, a perda de capital humano: por poñer o exemplo do laboratorio de Pontevedra, nel prestan servizo 21 profesionais, dos que 16 van ir á rúa. Son profesionais que teñen duas décadas de experiencia traballando no laboratorio.

En segundo lugar, a perda de diñeiro e material: o laboratorio de Pontevedra foi reformado no ano 2009, cun custe de 4,5 millóns de euros, diñeiro que vai ir ao lixo.

 

En terceiro lugar, estamos a falar de laboratorios de alta cualificación e especialización, que garanten a calidade e salubridade dos produtos que comemos e bebemos, das augas, e até da calidade das praias no verán. O peche dos laboratorios de Coruña, Pontevedra e Ourense supón sobrecargar un único laboratorio en Galiza, polo que tememos que vai ser imposíbel que poidan manter a calidade e axilidade do seu traballo.

E para rematar, vemos un novo negocio cos servizos públicos: xa de entrada contratarán empresas para o transporte diario das mostras a analizar, e ante a sobrecarga do laboratorio de Lugo, estamos certos de que en pouco tempo privatizarán servizos baixo a excusa da pouca dilixencia dos traballos e da lonxanía do laboratorio.

Os empregados e empregadas da Xunta de Galiza en Pontevedra, manifestamonos o xoves 7 diante do Edificio Administrativo en protesta pola destrución dos servizos públicos, pola perda de dereitos laborais e salariais, e pola eliminación de postos de traballo que está a executar o PP.