As organizacións sindicais estamos convocadas a unha xuntanza coa consellaría de Cultura e Educación que vai ser o mércores 13 de marzo.

A convocatoria chegou o luns 11, acompañada de 256 páxinas de documentación, o que fai inviábel que as organizacións sindicais poidan estudar o asunto en condicións sequera mínimas. Por esta razón, a CIG solicitou un aprazamento da xuntanza.

Despois de que a consellaría, co seu correspondente equipo de traballadores, elaborasen durante meses a súa proposta de RPT, as organizacións sindicais recibimos a convocatoria e documentación con 48 horas de anticipo, co resultado de que tan so vamos ter unhas poucas horas para estudar 256 páxinas, algo que é inaceptábel.

Se a consellaría de educación e cultura quere realmente contar coa opinión desta organización sindical de xeito que exista unha auténtica negociación, ou polo menos gardar as apariencias no sentido de que o prazo que nos dean sea abondo para estudar a documentación, facer alegacións, e que a consellaría as poida ler, esta organización está disposta a participar. Se polo contrario, nin teñen intención de negociar, ou sequera gardar as formas, entenderemos que se trata dun simple formalismo, adaptando esta organización sindical a súa participación en consecuencia.