Achéganos Función Pública o primeiro borrador do buzón de postos a ofertar no concurso de traslados de informática. Temos de prazo para facer alegacións até o venres 22 de marzo, así que se tes algo que dicir podes contactar connosco.

Dun total de 121 postos, 21 aparecen con algunha "coletilla", e ollo, que xa avisan que van retirar 16 por proposta de amortización. Continúa a sangría de postos públicos, mais o que non cambia son as adxudicacións de contratos informáticos da AMTEGA para facer traballo de empregado público. Un exemplo:

 

AMTEGA: DOG 13/03/2013. Servizo de administración de sistemas do CPDi da Xunta de Galicia, supervisión e monitorización da plataforma tecnolóxica, administración, instalación, configuración e explotación da infraestrutura de sistemas. Importe total: 2.348.200,00 € (IVE incluído). Indra Sistemas, S.A., Altia Consultores, S.A., Unión Temporal de Empresas

Respecto das bases do concurso, informan dende Función Pública que non van mandalas por agora tal e como prometeran fai uns días, pois din que están a facer unhas modificacións e non saben se as terán para antes de Semana Santa.