Novas por contido

No DOG do 20/03/2013 publícase a resolución da EGAP pola que se convoca un chamativo curso monográfico titulado: os retos e as perspectivas do emprego público nun contexto de crise. Xa de primeiras sorprende que nun contexto político de restricións orzamentarias a EGAP dedique os seus austeros recursos a organizar precisamente este tipo de actividades non formativas. Cómpre recordar que o ano pasado foi anulada a metade do seu plan formativo por este motivo.

Que a función pública galega precisa unha reforma é evidente vendo a inversión da pirámide de recursos humanos na administración xeral; máis que sobrar empregadas ou empregados públicos como escoitamos moitas veces, a realidade é que abunda a desproporción dos postos de confianza así como as subcontratas para a prestación dos servizos públicos. Porén, existe un desleixo total na xestión eficiente e profesional dos recursos humanos públicos por parte dos responsábeis políticos e equipos directivos.

O problema é que esta reforma ten que vir motivada por unha finalidade de servizo público non por unha finalidade puramente cuantitativa, sexa esta económica ou estrutural, que vai ser a perspectiva desde a que se desenvolva o curso. Non é banal que a Dirección Xeral de Función Pública se atope dependendo da Consellaría de Facenda; o único que parece importar ao Goberno da Xunta na actualidade da Función Pública é o gasto que supón e non o servizo que presta.

O segundo que chama a atención é a cantidade de veces que empregan a palabra “crise” na resolución da convocatoria: un total de 8. En cantas ocasións temos que escoitar a famosa frase de “estamos en crise” como preámbulo de algo que non nos vai gustar? “Estamos” somos moitos e curiosamente as persoas que comezan un discurso con esta frase non son nunca precisamente o paradigma das afectadas polos recortes, en particular, e pola situación económica, en xeral.

Supoñemos que ningún dos prestixiosos especialistas* na materia se sairá un ápice do guión marcado do “vivimos por riba das nosas posibilidades” ou “non se pode gastar o que non temos”. Xa non agardamos ningún poñente rompedor neste curso que sosteña “non é unha crise, é unha estafa”ou que “non faltan cartos, que sobran ladróns”. O que si agardaríamos dunha institución pública é que actúe con neutralidade e que recorde que o emprego público ten a finalidade de servizo público e neste senso hai máis teorías económicas que a que hoxe está de moda en Europa.

Desde a CIG-Autonómica criticamos que se empreguen os recursos da EGAP en organizar cursos que non son de formación, senón de ideoloxización. Un curso este que, polos contidos que aborda, está chamado a abundar nos vellos argumentos neoliberais esgrimidos desde a UE, o Goberno de Madrid e da Xunta de Galiza. Aínda que só sexa porque xa tod@s nos coñecemos a letanía de memoria, podían aforrar nela. Se queren convencernos de que é o mellor para todos, a base de repetir e repetir os mesmos argumentos, canto menos que o fagan cos recursos das persoas que se están vendo beneficiadas por estas políticas.

*Entre os prestixiosos especialistas atopamos ao secretario xeral da Deputación de Ourense: Fransciso Cacharro Gosende, fillo de Francisco Cacharro Pardo.

Outras novas recentes

Venres, 22 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Agrupación profesional-Subalterno (22/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega un listado de prazas que ofertará para a elección de destino do proceso selectivo da agrupación profesional - subalterno. A localidade dos postos pode verse no código que vai nas posicións 11 a 15 do código (XX.XXX.XX.XXX.XXXXX.XXX) No mesmo arquivo que poñemos a túa disposición para descargar, vai tamén a RPT íntegra con todos os...
Xoves, 21 Marzo 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social

Riscos para a saúde moi elevados nas escolas infantís O venres tivo lugar unha nova xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social, no que estaban presentes os representantes das consellería de política social, servizo de prevención propio da Xunta, servizo de prevención alleo (Qualtis), representantes do Consorcio e delegadas e delegados de prevención...
Luns, 18 Marzo 2024

A CIG solicita que se volva a abrir o buzón de postos do concurso de corpos especiais

Despois dun breve prazo para formular alegacións, Función Pública pechou o buzón sen responder a máis da metade das alegacións sobre os postos. De todas as alegacións formuladas pola CiG en relación aos postos do concurso de traslados de corpos especiais (inclusións, exclusións, etc) de máis da metade non temos resposta. Hai que facer constar que cando nós alegamos por ter...