O Comité Intercentros de persoal laboral ven de asinar o día 27 de marzo un acordo coa Administración para garantir o dereito á xubilación parcial do persoal que, segundo a regulación vixente á 1 de xaneiro de 2013, teña dereito a ela ata o 31 de decembro de 2018.

O 16 de marzo publicouse no BOE o Real Decreto-lei 5/2013, de 15 de marzo, de medidas para favorecer a continuidade da vida laboral dos traballadores de maior idade e promover o envellecemento activo. Este RD establece un prazo ata o día 1 de abril (apenas 7 días hábiles) para asinar este acordo e así garantir dalgún xeito o recollido no artigo 34.3 do Convenio que nunca se chegou a materializar pola negativa da Administración de desenvolver un plan de xubilación parcial, pese ás reiteradas peticións dos asinantes do Convenio.

A CIG instou esta mesma semana a Administración a sentarse e asinar o acordo, xa que de non facelo todo o persoal laboral da Xunta con dereito á xubilación parcial se vería excluído. Curiosamente desta vez si aceptaron, cando apenas hai tempo material para a negociación.

Os traballadores que se acollan ao plan de xubilación parcial poderán solicitar a reducción da súa xornada entre un minimo do 25% e un máximo do 75%.

Para a CIG este non é o plan de xubilación desexado, e solicitamos que a reducción puidese ser ata o 85% de xornada, que iso xerase un contrato de relevo a tempo completo e que se puidese realizar a xornada de xeito acumulado ao longo do ano.

Tendo en conta o escenario de recortes cada vez máis brutais, e da reforma das pensións en relación á ampliación da idade de xubilación, pensamos que a pesares de que o acordado non é a nosa proposta orixinal, garante ese dereito aos traballadores que poidan acollerse a este modelo de xubilación ata 2018.