Se pola conselleira fose, saltaríase a lexislación e os dereitos laborais dos traballadores.

En declaracións na prensa durante esta semana santa, a conselleira de Traballo e Benestar viña asegurar que no caso do medio cento de despedimentos da Consellaría de Traballo e Benestar “non hai ERE e nin tan sequera se pode falar de despedimentos”.

Para Beatriz Mato non hai ERE, senón unha “reorganización”; elimínanse postos nun sitio para crealos noutros. A culpa, di, tena a normativa vixente, demasiado ríxida, que non permite levar postos alí onde se precisan. Na mesma liña, a conselleira de Traballo asegura que se dela dependese a Función Pública, estes movementos faríanse.

Pois ben, agradecemos que a cordura do Presidente da Xunta sexa suficiente como para non poñer a Beatriz Mato aos mandos da Función Pública, aínda que non lle chegue para non poñela aos mandos do departamento de Traballo. En efecto, se na Xunta se desexa mover recursos humanos dun lado a outro debe facerse un “Plan de Emprego” como recoñece a norma, de xeito que se cubran as necesidades xustificadamente pero asegurando unhas mínimas garantías para os traballadores, cada vez menos, tendo en conta a última reforma laboral; garantías que á conselleira parece que interpreta só no termo de molestias.

Si yo fuera capaz y a mí me diera la oportunidad la legislación de Función Pública y de personal de la Xunta de Galicia, y el quinto convenio,de mover esas cuarenta personas de donde están hacia los otros cuarenta sitios donde yo entiendo que son necesarias, evidentemente se haría (Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar).

Por outro lado, non deixa de chamar a atención que Mato sega sen recoñecer os despedimentos que ocasionará esta amortización de postos ocupados por persoal cun vínculo temporal ou indefinido coa Administración autonómica. Segundo a conselleira de Traballo, non se pode falar de despedimento “legal e xurídicamente” porque este “vai vinculado única e exclusivamente aos postos que son fixos".

Gustaríanos saber que novo cualificativo vai crear a conselleira para estes casos de traballadores e traballadoras públicas que van a engrosar as listas do paro porque se amortiza o posto que estaban ocupando nese momento. Ao mellor pretende emular á súa colega manchega, De Cospedal, e eliminar a palabra despedimento da Administración galega como  a “señora da peineta” eliminou a palabra “desafiuzamento” do vocabulario da Administración Manchega.