Novas por contido

O servizo de prestacións está paralizado por problemas informáticos que están a afectar negativamente na tramitación de dúas das prestacións máis sensíbeis para colectivos desfavorecidos: a Renda de Integración Social de Galiza (RISGA) e as Pensións Non Contributivas. A causa está no incorrecto funcionamento dunha nova aplicación informática contratada coa omnipresente Indra Sistemas, S.A. por un total de 412.298,80 euros (IVE engadido).

O servizo de prestacións leva xa varios días paralizado, porque o novo programa funciona mal, excesivamente lento e non se axusta aos requirimentos do uso: campos necesarios difíciles de localizar, campos innecesarios destacados, datos irrelevantes que requiren ata catro confirmacións para seren gravados, lentitude excesiva. É significativo o cambio do tempo de atención no mostrador para expedir certificados, o que está a provocar longas colas: o tempo de resposta pasou de segundos a varios minutos.

Despois de moitos anos traballando cunha aplicación informática certamente mellorábel pero funcional, os responsábeis políticos da consellaría de Traballo e Benestar decidiron “modernizar” o software e, como é costume por parte dos nosos gobernantes, prefiriron adxudicar a contratación a unha empresa privada en troques de utilizar o persoal informático propio da Xunta. En total uns 68 millóns das antigas pesetas ao que sumamos que a Administración tivo que renovar moitos PCs por obsoletos para soportar as novas ferramentas e, sobre todo, que a nova aplicación obrigou a mercar novas pantallas panorámicas de considerábel tamaño para todos os postos de traballo por requisitos do deseño das aplicacións. Todo un capital que non o hai para outros conceptos nestes tempos de axustes.

Indra, unha historia de amor

Indra Sistemas S.A. é unha empresa ben coñecida nos despachos e instalacións da Administración Autonómica e, unha vez máis, resultou a beneficiaria dun saboroso bocado: con 412.298,80 euros (máis de 68 millóns de pesetas), a Xunta podería contratar directamente un magnífico equipo de analistas, programadores e técnicos informáticos propios para facer o traballo sen necesidade de buscar beneficio para repartilo entre os accionistas de Indra.

No DOG do 4 de xaneiro do 2010 atopamos o anuncio de contratación mediante tramitación urxente (necesidade inaplazable ou cuxa adxudicación sexa preciso acelerar por interese público), resultando a resolución definitiva do mesmo o 19 de maio do mesmo 2010. Consiste principalmente na migración, mantemento e soporte dos programas para a Pensión Non Contributiva e RISGA, cun prazo máximo de entrega e posta en funcionamento de sete meses (mellorando en tres os meses do pliego de condicións).

Dende maio de 2010, e estamos a marzo do 2013, pasaron case tres anos, sendo o prazo de entrega de sete meses! Esta xenerosidade no tempo que non se especificaba no pliego de condicións, de ser coñecida por outras empresas, houbese producido máis empresas pretendentes ao contrato?

A consellaría de Traballo debía nomear un xefe de proxecto responsábel de, entre outras, a aceptación do produto final entregado e, nese intre, comezaría a correr o tempo de garantía (1 ano): está aceptado un produto final que non funciona correctamente nin se adapta ás necesidades dos usuarios e usuarias?

Outras novas recentes

Xoves, 11 Abril 2024

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar incumpre a normativa de conciliación da vida familiar e laboral

O Consorcio introduce unha cláusula nas resolucións de reducións de xornada que impide que o persoal poida desfrutar do dereito á conciliación mentres non se cubra con persoal substituto a franxa horaria na que reduce a xornada. A CIG levamos anos denunciando a situación que se produce na concesións de reducións de xornada por conciliacións, incumprindo o artigo 37.7 do...
Venres, 12 Abril 2024

Recurso de reposición ao concurso ordinario de traslados de ciencias+enxeñarías+arquitectura

A CIG presentou un recurso de reposición á Resolución que convocou o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de escalas de enxeñarías, arquitectura, arquitectura técnica e ciencias (administración especial). No recurso solicitamos unha relación das prazas que desapareceron do concurso, con información polo miudo de cada unha delas. Tamén da...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.