Os helicópteros de INAER xa estaban nas bases da Xunta antes de que lles adxudicaran o contrato

Xusto un día despois de que o presidente Feijoo anuncie o contido do proxecto de Lei de racionalización da Administración Autonómica temos constancia pola prensa de que a Consellaría de Medio Rural ven de adxudicar a dedo por 12 millóns de euros un contrato cantado para o servicio de helicópteros da loita contra incendios e a contratación de brigadas. Un contrato para INAER e Natutecnia, empresas agraciadas o ano pasado con outro similar.

Este contrato negociado e sen publicidade infrinxe outra vez o límite de importe de licitación e para iso previamente anuncian no DOUE unha licitación que logo deixan deserta ao presentarse outra empresa.

Que se lle ía outorgar a INAER era un feito cantado, pois os helicópteros desta empresa, marca SOKOL PZL-W3A, levan dende o 1 de febreiro ata o 2 de marzo na base de helicópteros do Servizo de Incendios (SPDCIF) do Campiño en Pontevedra, dende onde partiron para Sevilla para pasar a revisión técnica volvendo a mediados de marzo para a base de Silleda, como se pode comprobar nas fotos que adxuntamos do día 15 de marzo.

E xusto onte día 4, Natutecnia á empresa que se vai encargar de contratar ao persoal das brigadas helitransportadas fai as probas físicas para seleccionar ao persoal.

Esta é a transparencia da que onte presumiu o presidente anunciando unha lei que precisamente vai servir para dar cobertura legal a estas contratacións irregulares,

A CIG denunciou o pasado ano na fiscalía outro contrato similar feito a dedo e que non foi publicitado e estudaremos o emprender accións legais contra os responsabeis da consellaría.