Presentado o 12 de abril ante o Tribunal Superior de Xustiza, o conflito colectivo contra a eliminación do descanso compensatorio por traballos en domingos e festivos.

En resposta á irresponsábel decisión da Consellería do Medio Rural e do Mar de suprimir as compensacións por traballar en domingos e festivos, as organizacións sindicais, CIG, CSI-F, UGT e CCOO PRESENTAMOS de forma unitaria ante o TSXG demanda de CONFLITO COLECTIVO contra a Xunta de Galiza. O obxectivo que persegue a demanda é simple; que se restitúa o dereito dos traballadores do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais aos descansos compensatorios por traballos en domingos e festivos.

Dende CIG, UGT, CCOO e CSI-F cualificamos a decisión da Consellería do Medio Rural e do Mar de eliminar os descansos compensatorios de TEMERARIA (pon en risco a seguridade dos traballadores), ILEGAL (supón un gravísimo incumprimento da normativa básica de aplicación) e INXUSTA (considerase igual traballar de forma habitual domingos e festivos, impedindo a conciliación da vida familiar e laboral, que traballar exclusivamente de luns a venres).

Á marxe da presentación desta demanda, dende CIG, CCOO, CSI.F e UGT animamos a todos os traballadores do SPDCIF a continuar participando nas concentracións convocadas dende os distintos comités de empresa en defensa dunhas condicións dignas de traballo e da estabilidade no emprego no Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais.