O colectivo de docentes declarados indefinidos-discontínuos polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza leva traballando, na marioría dos casos, dende o ano 1994 e atopámonos que de repente para a Xunta de Galiza non sirven e os botan a rúa ou, no mellor dos casos, ao paro.

Atopámonos, a día de hoxe, que dende a Xunta de Galiza privatízase un novo servizo, onde en vez de contratar ao persoal propio, o que fan é contratar a impartición  de accións formativas nos centros de formación profesional para o emprego dependentes da Consellería de Traballo e Benestar. E, o máis chamativo de todo, e que a maioría dos cursos son adxudicados a “FORMEGA” fundación participada pola Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia, CCOO e UGT. É significativo que  dende dous sindicatos de clase se entre no xogo da administración e participen na privatización de servizos públicos, e especialmente desta consellería que, leva o nome de traballo; non sabemos si por que ao que se adica é precisamente a eliminalo ou a incrementar os números do paro (baste con lembrar a intención da consellería de traballo de facer un ere encuberto onde se eliminan 251 postos de traballo).

Queremos incidir que estamos a falar duns cursos adxudicados en máis de 1.100.000€. Unha cantidade nada desdeñable, sobre todo tendo en conta que estes cursos van darse na súa totalidade nos centros da consellería (locais propios). É a perversión absoluta dos servizos públicos, monto o centro educativo, gasto unha importantísima cantidade de diñeiro en equipamento e despois cédollo a unha empresa privada e ,por riba, págolle para que dea o servizo. Mentres, ao mesmo tempo, os traballadores propios os mando ao paro (e despois temos que aturar ao Delegado da Xunta en Ourense e ao Xefe Territorial da consellería falar da eficacia e eficiencia da Xunta)

Tamén queremos volver insistir na incoerencia e ineptitude dos representates da Xunta en Ourense, cando nestes momentos de crise, cando en ourense amanecemos todos os días co anuncio de algún ERE ou do peche de algunha empresa; a Xunta de Galiza ten a traballadores propios no paro. Por riba, estase a seleccionar persoal docente para impartir estes cursos e, que casualidade, non foi seleccionado ningún dos docentes que son persoal da Xunta, cando algún deles leva máis de 18 anos traballando e a forma de selección é a experiencia (gostaríame saber que docentes se van a contratar que teñan máis experiencia que os que levan toda a vida dando os cursos de formación)

Todo isto non afecta soamente aos traballadores e traballadoras da Xunta de Galiza que están no paro, e que foron despedidos de facto e dicimos despedidos, porque aínda que o TSXG recoñeceulles a vinculación laboral coa Xunta, se esta non os contrata, ao final o resultado é o despedimento.

Dicíamos que esto non afecta só a estos traballadores, sinon que afecta aos propios usuarios dos cursos. Lembramos que estes cursos de formación están dirixidos a persoas desempregadas e que, en moitos casos, a axuda que se lles da aos alumnos por participar nestes cursos de formación son os únicos cartos que entran na casa. Pois ben, dende a CIG, temos constancia que nestes momentos hai cursos que terían que ter empezado xa e que están parados, incluso están selecciónados os alumnos e alumnas e os cursos están sen comezar porque non atopan docente, cando os docentes propios da Xunta de Galiza están no paro. Parece ser que prefiren que os cursos non comencen a darlle traballo aos compañeiros que realizaron esta labor durante tantos anos

Nesta burda maniobra para eliminar servizos públicos, a administración estase a escudar en que os cursos son diferentes, cando esquécense que están homologados segundo establece o Boletín Oficial do Estado publicado o día 20 de xuño de 2011.

Para rematar queremos volver facer fincapé na repercusión que teñen este tipo de medidas, repercusión para a calidade da ensinanza, repercusión para a situación destes traballadores que teñen dereito a estar a traballar, tal e como lle recoñece a sentenza do TSXG e repercusión para os alumnos que nesta época de crise, onde a formación é máis importante que nunca, vense privados dela.