Na referencia do Consello da Xunta do 18 de abril fixose pública a intención da Xunta de sacar en breve unha orde que regulamentará a nova xornada laboral coas novidades da implantación da flexibilización de xornada por interese particular e máis do teletraballo. En principio a Xunta anunciara que a dita norma, baixo forma inicial de Decreto, estaría en vigor en outono do 2012; posteriormente quedaran de remitirnos un borrador antes do 31 de xaneiro deste ano; agora atopamonos sen borrador pero cunha nota de prensa.

Parécenos positivo que, despois do que está costando implantar o novo sistema Cronos, exista ao fin un "proxecto de orde" que lle dea sentido. O que non sabemos é como vai ser posible a implantación da flexibilización universal e teletraballo coa cantidade de fallos que está a dar este sistema informático de control horario. E non está costando só implantalo pola elevada cantidade de incidencias que provoca, senón porque foron 770.000€ o que costou implantalo e 135.000€ o que custa facer un deficiente mantemento.

Levamos moito tempo pelexando na procura dunha flexibilización de xornada universal tal e como a que teñen desde vai anos noutras adminsitracións, como a Administración Xeral do Estado. Parécenos positivo que exista ao fin exista un "proxecto de orde" que lle dea contido ao desastre do Cronos. O que non nos parece positivo é que, de novo, as traballadoras e traballadores públicos teñamos que enterarnos dos cambios nas nosas condicións laborais nunha referencia do Consello para os medios de comunicación. De feito a Voz de Galicia recoñece, nunha nova con data do 19 de abril ás 5:00h da mañá, que xa tivo acceso ao texto.

Como novidade en destaque, á parte do teletraballo e da xornada de especial dedicación de 40 horas semanais, aparece a xornada flexible voluntaria entre as  7 e 9 horas e as 14 e 18.30 horas, cun horario fixo de 9 a 14 horas (sen necesidade de alegar motivos de conciliación familiar). Tamén chama a atención o anuncio de que determinados postos de carácter técnico e administrativo terán xornada partidade 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.30 horas.

Polo momento, non podemos facilitar unha información máis detallada que a da nota de prensa porque a Xunta non nos remitiu ningún documento nin nos chamou a negociar.  Queremos amosar o noso cabreo pola deriva que leva actualmente esta Administración na que primeiro se informa á prensa, logo teñen a decencia de comunicárnolo oficialmente e por último  se pos achega un texto xa cociñado para facer un paripé de negociación. Sen ir máis lonxe, este foi a actuación levada a cabo a semana pasada coa presentación do anteproxecto da Lei do Emprego Público de Galiza. Se non queren escoitar as nosas propostas nas mesas, terán que seguir escoitándoas na rúas.