O venres 19 a Dirección Xeral de Función Pública ven de dirixirse ao Comité Intercentros para que emita un informe sobre a proposta de amortización de 33 prazas de persoal laboral da consellaría de Medio Rural e do Mar. No corto espazo de menos de dous meses esta é a terceira proposta de amortización de postos de persoal laboral. Anteriormente “tocoulle” ás consellerías de Traballo e Cultura e Educación, con 73 e 31 postos amortizados, respectivamente.

Con esta nova proposta, o goberno de Feijóo continúa coa vaga de amortizacións de persoal laboral da Xunta de Galiza, a cal alcanza xa a cantidade de 137 postos de traballo destruidos. Estas amortizacións non supoñen unicamente a perda de postos de traballo, senón que responden a un novo ataque deliberado e consciente aos servizos públicos  co fin de incidir aínda máis no deterioro progresivo da calidade dos mesmos e así ter unha xustificación para a súa privatización.

Desde a CIG Autonómica rexeitamos por enésima vez a política de recortes en materia de persoal do goberno da Xunta e instámolo a que, dunha vez por todas, mude esta situación cunha firme defensa do emprego público e dos servizos públicos en xeral.