O órgano de representación dos funcionarios e funcionarias da nosa Administración na provincia de Pontevedra, a Xunta de Persoal, quere que as comisións de servizo se adxudiquen aplicando criterios públicos e firmes, máis alá da inutilidade que recolle a actual normativa de Función Pública: "preferentemente da unidade", que é o mesmo que non dicir nada.

A tal fin, a Xunta de Persoal tivo unha xuntanza o luns 22 de abril en Pontevedra coa secretaria territorial e co xefe territorial de presidencia como continuación da que semanas antes tivemos cos responsábeis de Vigo.

Pretende a Xunta de Persoal retomar o que xa tentou noutras ocasións e que nalgún caso deu froitos: que as persoas que teñen a capacidade de decidir as adxudicacións das comisións de servizo renuncien voluntariamente ao seu privilexio fixando uns criterios públicos e claros, algo que evitaría moitos excesos que todos e todas podemos ver nalgunhas ocasións.

Xunto a estes puntos, tratamos outros asuntos, como as condicións de traballo nos edificios, depósitos de toner, limpeza, etc.

En Pontevedra inda non sabemos se van aceptar a proposta da Xunta de Persoal. En Vigo si está aceptada, pero vemos que a concreción vai de vagar.