Novas por contido

A CIG súmase á convocatoria da manifestación que, na defensa dos servizos socias da comarca, convoca e impulsa o Comité de Empresa da Consellería de Traballo e Benestar da provincia da Coruña para o mércores 24 de abril ás 8 da tarde, con saída desde a Praza de España.

Denunciamos que xa se leva un tempo longo recibindo os ataques aos servizos públicos instalados na Comarca de Ferrol, primeiro coa privatización dunha parte importante da xestión do antigo CEE Carmen Polo, mediante a creación e externalización do Souto de Leixa, cunha cuantificábel perda de asistencias e unha diminución da calidade da prestación dos servizos para un sector da nosa poboación minoritario pero especialmente sensible.

Despois co desaloxo do centro de menores Soutomaior, baixo a escusa de unificar os dous centros existentes. O resultado foi a infrautilización do centro que contaba con instalacións máis modernas, e unha diminución tamén cuantificábel do número de rapaces e rapazas acollidos nas instalacións que a Consellería de Traballo e Benestar ten na comarca.

E agora coa vontade, por parte da mesma Consellería, de proceder á supresión da unidade de valoración da dependencia. Unha vez máis, baixo a escusa de reestruturacións técnicas do servizo se procede a eliminar outro servizo social.

En todos os casos trátase da supresión de unidades, instalacións e postos de traballo en servizos básicos para a construción dunha sociedade máis xusta, con capacidade para facilitar a vida a todos aqueles aos que lles tocou transitar polo lado máis duro dela.

Estámonos a afacer a que os gobernantes digan que procuran precisamente o contrario do que se consigue coas súas políticas: din procurar traballo despedindo arreo e facilitando e abaratando os despedimentos; falan de mellorar a saúde, limitando a cobertura das institucións creadas cun grande esforzo de todos; enchen a boca con palabras como igualdade de oportunidades e ensino para todos, mentres reducen as becas, dificultan o acceso das xentes sen medios ó ensino e á universidade; insisten na necesidade dunha xustiza para todos, mentres lle poñen prezo ao acceso á mesma...

O ataque aos servizos sociais en Ferrolterra non é recoñecido por eses gobernantes pero é perfectamente cuantificábel e súmase ao deterioro das condicións de traballo dos seus empregados e empregadas (maioritariamente empregadas, posto que estamos a falar de actividades fortemente feminizadas).

Lembramos as mobilizacións recentes do persoal de centros señeros na área dos servizos sociais públicos como o CAMF-Imserso de Ferrol, sometido a severas restricións pola Administración do Estado, ou, na mesma liña, a Residencia de Maiores de Caranza, dependente da Administración da Xunta de Galicia.

A defensa dos servizos públicos en todos os sitios é unha obriga cidadán. A CIG-Administración de Ferrol correspóndenos defender especialmente os servizos públicos de Ferrol e a súa comarca.

Por iso acordamos sumarnos á manifestación convocada para o mércores 24 de abril ás 8 da tarde, con saída desde a Praza de España, e chamamos á máis ampla participación.

Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.