Novas por contido

As catro organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos (CIG, CCOO, UGT e CSIF) vanse concentrar o martes, día 14 de maio de 2013, ás 12:00 h., na explanada da cafetaría en San Caetano, para denunciar os despedimentos e a destrución de emprego público que esta semana se vai facer efectiva cando se publique a modificación da Relación de Postos de Traballo no Diario Oficial de Galiza.

Nomeadamente, esta semana, 59 traballadores e traballadoras públicas van engrosar as listas de desemprego porque así o quere a Xunta de Galiza. Nomeadamente, esta semana, Traballo e Benestar destruirá 129 postos de traballo públicos que prestan as súas funcións nos Servizos Públicos do noso país en temas tan sensibles para a Sociedade Galega como é a Dependencia, os centros de atencións para discapacitados psíquicos, centros de atención a a maiores dependentes, oficinas de emprego, etc. Así pretende saír da crise o goberno de Feijóo.

O noso presidente e o seu gabinete, preocupado unicamente en cumprir coas directrices da troika en canto a cumprimento do déficit, pago da débeda e, sobre todo, desaparición ou privatización de Servizos Públicos esenciais para a cidadanía, vai dar un recorte brutal nos servizos sociais sen importarlle nin o máis mínimo a repercusión que pode ter esta machada.

Todo dende un punto de vista orzamentario impecable: fóra emprego público para aforrar cartos, pero dende un punto de vista social, e incluso de sensibilidade coa parte máis débil da cidadanía (dependentes, discapacitados, maiores, etc.) totalmente rexeitable e incluso desprezable por facer este tipo de políticas. Sobre todo cando se lles enche a boca ao mesmo tempo falando de políticas de emprego e botándolle a culpa aos elementos, como se o alto índice de paro non fora con eles.

Facemos un chamamento á Sociedade Galega para que rexeite este tipo de políticas, estes recortes brutais, e facemos un chamamento tamén a todo o colectivo de empregadas e empregados públicos para que se concentre mañá, ás 12:00 h, en San Caetano, e manifeste o seu rexeitamento contra os despedimentos dos nosos compañeiros e compañeiras e contra a destrución de emprego público e dos Servizos Públicos Galegos.

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...