As catro organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos (CIG, CCOO, UGT e CSIF) vanse concentrar o martes, día 14 de maio de 2013, ás 12:00 h., na explanada da cafetaría en San Caetano, para denunciar os despedimentos e a destrución de emprego público que esta semana se vai facer efectiva cando se publique a modificación da Relación de Postos de Traballo no Diario Oficial de Galiza.

Nomeadamente, esta semana, 59 traballadores e traballadoras públicas van engrosar as listas de desemprego porque así o quere a Xunta de Galiza. Nomeadamente, esta semana, Traballo e Benestar destruirá 129 postos de traballo públicos que prestan as súas funcións nos Servizos Públicos do noso país en temas tan sensibles para a Sociedade Galega como é a Dependencia, os centros de atencións para discapacitados psíquicos, centros de atención a a maiores dependentes, oficinas de emprego, etc. Así pretende saír da crise o goberno de Feijóo.

O noso presidente e o seu gabinete, preocupado unicamente en cumprir coas directrices da troika en canto a cumprimento do déficit, pago da débeda e, sobre todo, desaparición ou privatización de Servizos Públicos esenciais para a cidadanía, vai dar un recorte brutal nos servizos sociais sen importarlle nin o máis mínimo a repercusión que pode ter esta machada.

Todo dende un punto de vista orzamentario impecable: fóra emprego público para aforrar cartos, pero dende un punto de vista social, e incluso de sensibilidade coa parte máis débil da cidadanía (dependentes, discapacitados, maiores, etc.) totalmente rexeitable e incluso desprezable por facer este tipo de políticas. Sobre todo cando se lles enche a boca ao mesmo tempo falando de políticas de emprego e botándolle a culpa aos elementos, como se o alto índice de paro non fora con eles.

Facemos un chamamento á Sociedade Galega para que rexeite este tipo de políticas, estes recortes brutais, e facemos un chamamento tamén a todo o colectivo de empregadas e empregados públicos para que se concentre mañá, ás 12:00 h, en San Caetano, e manifeste o seu rexeitamento contra os despedimentos dos nosos compañeiros e compañeiras e contra a destrución de emprego público e dos Servizos Públicos Galegos.