Novas por contido

Nese intre celebrábase ao lado o Consello da Xunta

Coincidindo coa celebración do Consello da Xunta e tras da publicación no DOG da nova RPT pola que se despedía a 59 traballadores e traballadoras da administración pública, as organización sindicais con representación na Mesa Xeral de Emprego Público de Galiza convocaban concentracións diante dos principais edificios administrativos para manifestar a súa oposición ás amortizacións, destrución de emprego e consecuente deterioro dos servizos públicos.

En Compostela a concentración celebrábase no edificio administrativo de San Caetano, onde nese intre se celebraba o Consello. A convocatoria estaba confirmada para as 11:30 horas, con cazolada e asubíos incluídos. Aos poucos minutos de comezar efectivos policiais desaloxaban da explanada interior do recinto onde se adoitan realizar todas as concentracións as traballadoras e traballadores do edificio administrativo desde vai máis de 2 anos. A xustificación, que molestaban aos membros do goberno galego que se reunían xusto do lado.

A concentración continuou, con máis ruído se cabe, no exterior, no acceso contiguo ao lugar de onde acababan de ser expulsados para denunciar os despedimentos, a destrución de emprego e o deterioro dos servizos públicos. Unha denuncia que non querían escoitar as/os reunidos en Consello de Goberno.

De feito, alén dos 59 despedimentos, a consellaría de Traballo destruirá 129 postos de traballo que afectarán a servizos sociais tan sensíbeis como Dependencia, centros de atención para discapacitados psíquicos, centros de atención a a maiores dependentes e oficinas de emprego, entre outros.

Xunto a isto alertan das consecuencias que terá a Lei de Emprego Público que pretende aprobar o Partido Popular, que consideran que é a máis agresiva dos últimos tempos ao introduciren elementos de discrecionalidade e arbitrariedade no comportamento da administracións para outorgar destinos, postos e demais.

A Lei contempla tamén a avaliación continua do persoal da administración, introducindo criterios subxectivos de valoración que favorecen esa discrecionalidade na toma de decisións. Un sistema de valoración que xunto cos elementos obxectivos fai depender dos xefes/as a avaliación do esforzo, interese e iniciativa do persoal que verá así condicionada a súa carreira profesional e promoción dentro do sistema de niveis e, en consecuencia, o aumento das súas retribucións, coller un posto  ou que as/os removan del.

Isto vai encamiñado a provocar a ‘mansedumbre’ entre os traballadores e traballadoras públicas. E se isto non fóra suficiente sempre queda a posibilidade de desaloxar as concentracións incómodas. Con todo, e aínda que non sexa do seu agrado, á CIG terán que seguir ouvíndonos.

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Venres, 12 Abril 2024

Recurso de reposición ao concurso ordinario de traslados de ciencias+enxeñarías+arquitectura

A CIG presentou un recurso de reposición á Resolución que convocou o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de escalas de enxeñarías, arquitectura, arquitectura técnica e ciencias (administración especial). No recurso solicitamos unha relación das prazas que desapareceron do concurso, con información polo miudo de cada unha delas. Tamén da...
Venres, 12 Abril 2024

Emendas da CIG ás leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais

Dende a CIG, e con ánimo de mellorar os textos dos proxectos de leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais, enviamos aos grupos parlamentares do Congreso as nosas achegas a estes documentos dentro da fase de emendas. Para nós estes textos son claramente mellorables porque poden chegar a limitar o ámbito de actuación e funcións de...