Dende a CIG-Autonomica queremos denunciar a eliminación continua de servizos públicos que está a ocorrer no Carballiño durante os derradeiros anos.

Se fai uns meses denunciábamos o abandono que existe coa Nova Residencia do Maior de O Cornuval, onde despois de gastarse máis de 1.600.000€ mantense pechada dende hai máis de 2 anos, eliminando a posibilidade da creación de 60 postos de traballo no Carballiño, postos de traballo imprescindíbeis a día de hoxe neste contesto de crise que vivimos, atopámonos agora que o ninguneo da Xunta de Galiza para os veciños de O Carballiño volve a ser inaceptábel.

A Residencia do Tempo Libre de O Carballiño leva abrindo nos últimos anos os seguintes meses:

  • 2009:  11 meses e 14 días
  • 2010:  10 meses e 18 días
  • 2011:   8 meses e  24 días
  • 2012:  7 meses e  21 días.

Pois ben, a previsión para o ano 2013 é de unha apertura de 4 meses, sen ter confirmada neste  momento cal vai a ser o período de apertura.

No día de hoxe, xoves 9 de maio, o Comité de Empresa da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar de  Ourense reuniuse co Alcalde de O Carballiño, así como cos demais grupos políticos municipais, atopando un apoio absoluto nos grupos de o PSOE e do BNG na reivindicación deste comité de que a Residencia do Tempo Libre ten que estar aberta durante todo o ano, ou alomenos ata o mes de decembro deste ano 2013 e facer unha planificación para os vindeiros anos.

Por parte do Alcalde do Carballiño acadamos o compromiso de facer xestións diante da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar para buscar solucións para  a apertura da Residencia.

Dende a CIG queremos denunciar a situación na que están os traballadores e as traballadoras da Residencia do Tempo Libre, xa que a día de hoxe non saben os meses que van a traballar e, no caso en que se confirme que serán só 4 meses, evidentemente, ese non é tempo suficiente para poder vivir todo o ano.

Queremos lembrar que nestes momentos hai unha plantilla de 27 traballadores/as Fixos-discontinuos, persoal laboral da Xunta de Galicia, a maiores outras 6 persoas de unha empresa privada e 2 máis da concesión da explotación da cafetería, o que fan un total de 35 familias que están en precario, xa que non saben o tempo que van a traballar e o que é que no mellor dos casos, e dicir, que traballen 4 meses, non será tempo suficiente para que xeren prestacións por desemprego.

Non entendemos como poden orzamentarse 250.000 € no presuposto do ano 2013 para colocar tarima flotante a Residencia e ao mesmo tempo tela pechada durante a maior parte do ano. Para que se orzamenta este diñeiro? Compartimos que se fagan mellorar na Residencia, como non podía ser doutro xeito, pero esas melloras teñen que servir para aumentar a súa utilidade e non para tela pechada máis meses.

A Xunta de Galiza, e en concreto a Consellería de Traballo e Benestar, está a demostrar cada día máis que a súa prioridade é a destrución de emprego, tendo a estas 35 familias nun estado de ansiedade importante, xa que non saben cal vai a ser o seu futuro.

Dende a CIG esixímoslle a Consellería de Traballo e Benestar que abra de inmediato a Residencia do Tempo Libre de O Carballiño, que se contrate a todos os traballadores e traballadoras necesarios para o seu bo funcionamento e se poña a andar un valor tan importante para o desenrolo económico e social da Comarca do Carballiño, como é a súa Residencia do Tempo Libre.

Moito nos tememos que de continuar co peche da Residencia cada día máis meses, tal e como explicamos nos datos superiores, a política a que nos leva a Consellería de Traballo e Benestar, e en concreto, os seus dirixentes, sexa a unha política de peche da Residencia do Tempo Libre, a unha política continua de ninguneo ao Pobo do Carballiño, eliminando postos de traballo e servizos públicos e ao mesmo tempo eliminando unha parte importante das posibilidades de crecemento do Carballiño, tal e como está a pasar coa Residencia do Maior de O Cornuval.