Nunha primeira reunión coa Administración, comentáronos os cambios aceptados directamente respecto ao texto inicial da Orde de xornada laboral, flexibilización e teletraballo. Tamén nos puxeron enriba da mesa os aspectos que aínda están abertos e que se pecharán a vindeira semana. Porén, parece ser que a Administración ten interese en sacar este proxecto canto antes pasando por riba de aspectos trascendentais como a flexibilización automática ou a participación sindical. A publicación prevista sería a finais de xuño. Descarga novo borrador.

Os cambios máis destacables serían:

 

  • Aceptan facer a flexibilidade compatible co teletraballo. Porén, mantense a incompatibilidade da compensación diaria coa flexibilización. É dicir, esíxese puntualidade absoluta no horario de presenza obrigada que finalmente se defina (actualmente sería de 9 a 14)

  • Engaden o de contemplar especificamente que calquera réxime de horario ou xornada de traballo distinto do xeral ten que aparecer nas RPTs. Isto ofrece maiores garantías para as traballadoras e traballadores que saben ao que aterse nun posto en concreto e evita cambios discrecionais de horarios. Agora ben, non aceptan o de recoñecer nesta orde que estes horarios diferentes deberán ter retribucións diferentes; mantense en “poderá”. Nin tampouco queren quitar á referencia a un horario especial (xornada partida) para postos de apoio, técnicos ou administrativos, que na práctica son a totalidade.

  • Mateñen os 30 minutos para compensar diariamente se ben recollen no texto a existencia de 10 minutos de cortesía/día para compensar atrasos técnicos na fichaxe de entrada e saída; en todo caso estes 10 minutos contarán como tempo efectivo do traballo. De haber calquera problema técnico grave incapaz de salvarse con eses 10 minutos de cortesía a traballadora ou traballador deberán poñerse en contacto co CAU.

  • Recoñecen un período máximo de 30 minutos de pausa polos 20 da orde inicial; lóxico tendo en conta a regulamentación da Administración Xeral do Estado ou no V Convenio Colectivo do persoal laboral da Xunta de Galiza.

  • Na xustificación de ausencias admiten os medios electrónicos. A posibilidade de reducir haberes está redactada tal e como aparece na orde de nóminas de cada ano; engaden textualmente como excepción dos descontos aquel tempo que poida ser compensansable.

  • Teletraballo: elimínase a esixencia da antigüidade dos 2 anos no postoa acutal sempre e cando se acredite experiencia en posto similar durante 2 anos; tocanse varios aspectos relacionados cos seguridade na conexión, coñecementos telemáticos, formación, protección de datos ou a seguridade e saúde laboral...


Cuestións abertas para unha segunda reunión:

  • Ampliación do horario máximo máis aló das 18:30h. Veno factible naqueles grandes centros ou edificios administrativos que non conleve aumentar a hora de peche do centro/edificio; hora final por definir. Para os centros pequenos (non docentes) garanten a flexibilización se ben pensan solventalo con que sexan os propios traballadores os encargados de abrir/pechar o centro (como xa é habitual en moitos destes centros).

  • Horario de verán: están pendentes de detallala súa configuración, non só a súa existencia, nesta orde; senon a detallaran volvería saír este ano vía instrución interna. En calquera caso, vía orde ou instrución, o horario de verán seguiría operando exactamente como o de ata agora.

  • Algunha cuestión de denegacións/concesións e máis dos prazos de concesión... que irá en función do modelo de flexibilización por razóns particulares que finalmente decidan.


Desde a CIG poñemos o acento en que ese modelo de flexibilización por razóns particulares ten que ser automático tal e como xa existe noutras Administracións e gustaríanos que a compensación fose o máis ampla posible. Deste xeito se evitaría a excesiva burocratización e discrecionalidade deste dereito. A Administración preocúpalle as distorsións que se poidan crear nos servizos, que non rompendo a xornada queda garantido xogando co horario de presenza obrigada ou o período de compensación. Outra cuestión sería unha flexibilización máis ampla, con horarios de presenza diferenciados, que puidera alterar os servizos e precisara de autorización previa.

Tamén facemos fincapé en participar plenamente no proceso de teletraballo; canto menos pedíndosenos informe de cada solicitude e comunicándonos o resultado final.

Un aspecto moi importante é o ámbito de aplicación xa que deixan fóra desta orde ao persoal non docente dos centros de Educación. A Administración defende que estes centros teñen un “réxime propio”; asegura que está moi falado coa propia consellaría e máis cos traballadores. Por suposto, quedaría fóra o persoal con horarios especiais e por suposto persoal que traballa a quendas (estes dous últimos vai ser inevitable pola súa configuración de réxime de traballo). O que si destacan é que a flexibilización vai ser factible independentemente do tamaño do centro.

A Administración preocúpalle en sacar esta orde co apoio das organizacións sindicais, porén este apoio ten que ser participativo na súa configuración e posterior desenvolvemento. Non podemos dar o visto bo a unha orde que fala de flexibilización e teletraballo sen garantías suficientes de que estes dereitos non se convirtan nalgo irreal e excluínte que poidan depender de criterios discrecionais alleos ás necesidades do servizo.