Adiántase tamén a intención de regulamentar con carácter permanente a xornada de verán coa duración comprendida actualmente na Administración Xeral do Estado (do 16 de xuño ao 15 de setembro). Este ano por imposibilidade material entraría en funcionamento algo máis tarde, previsiblemente na última semana do mes.

Para nós, un dos aspectos innegociables nunha orde que regulamente a flexibilización é que esta ten que ser automática, tal e como dispoñen na AXE ou noutras administracións autonómicas. Desde a Administración admiten esta posibilidade, con compensación semanal, e con carácter xeral, reservándose a posibilidade de denegación motivada, dando conta ás organizacións sindicais.

En calquera caso, aínda non está claro se a Administración eliminará a actual flexibillización por motivos particulares con autorización previa ou a conservará, abrindo unha nova flexibilización por motivos particulares, cun horario de presenza máis amplo que de 9 a 14 pero sen autorización previa.

Con relación á hora límite para facer a flexibilización a Administración comenta que nos grandes centros administrativos, así como naqueles que teñen garantida a apertura máis aló das 18:30h, esta podería fixarse até máis tarde. En calquera caso, todos os centros estaría garantida sempre a flexibilización ata as 18:30.

Logrouse incorporar que calquera horario distinto do xeral e o flexible deberá constar nas correspondentes relacións de postos de traballo, o que implica que non se poda aplicar un horario diferente ao xeral se este non figura en RPT. Xa que logo, procede eliminar os “postos de apoio ou de carácter técnico ou administrativo” do horario especial partido porque na práctica son a maioría dos postos de oficina. Por outro lado, e dado que se estará ao que diga a RPT, non ten sentido que figure a posible retribución diferenciada destes postos xa que a consideración de potestativa abre a posibilidade a que non o sexa.

Na xornada de verán solicitamos que se mude o de “poderá establecerse anualmente” por “establecerase” e que conste expresamente as datas nas que se aplicará  para que non ande cambiando cada ano, o que a dotaría de maior seguridade xurídica. A Administración vé posible definir o fundamental na orde e cítase como período habitual o que ten actualmente a AXE (do 16 de xuño ao 15 de setembro) e logo facer un desenvolvemento máis específico nunha instrución de carácter permanente. En calquera caso, prevese que entre en vigor na 2ª metade deste mes de xuño, o máis probable na última semana.

Esiximos a participación sindical no teletraballo no que no borrador actual non se recolle nin tan sequera a comunicación das resolucións adoptadas. Non queremos ser meros espectadores e gustaríanos ter algo que dicir, canto menos cando se lle denega á traballadora ou traballador a súa solicitude ou a concesión da que gozaba. Existe posibilidade de cambiar algo neste senso pero non concretan.

Por último, no ámbito de aplicación para nós resulta imprescindible non deixar fóra ao persoal non docente dos centros educativos xa que se rexe pola mesma norma que o resto da Xunta e  significaría, entre outros, privalos do dereito da flexibilización. A Administración comenta que de non excluílos terían un problema xa que están fóra do ámbito do sistema Kronos. Xa que logo, propoñemos como solución alternativa a creación dunha Comisión de Seguimento desta Orde que no período de 1 ano se reúna para valorar, entre outros aspectos, a posibilidade de ampliar o ámbito de aplicación actual.
 
Agradécese o clima de negociación e apreciamos o interese da Administración en chegar a un acordo no que por primeira vez en moito tempo non somos comparsas dun borrador inicial que chega a unha Mesa Xeral sen ter movido nin unha coma. Isto é un claro exemplo que cando se trata de mellorar as condicións das traballadoras e traballadores públicos na CIG respondemos. Ademais, desta volta, resulta fácil para a Administración xa que o impacto económico desta medida é mínimo comparado co beneficio político que lle reporta.

Nesta semana teremos o texto defintivo que será levado para a seguinte á Mesa Xeral e Comisión de Persoal coa intención de que sexa publicada no DOG a última semana deste mes a máis tardar.