A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais emitiu unha nota de prensa en apoio ao comunicado das tres universidades galegas que rexeitan o recorte salarial imposto pola Xunta de Galiza. O dito comunicado foi criticado duramente por Feijóo que chegou a cualificar aos empregados públicos das universidades de "privilexiados" tratando de enfrontalos non só coa cidadanía senón tamén co resto de traballadores públicos.

Diante das palabras do Presidente da Xunta de Galiza, a Xunta de Persoal quere manifestar a súa solidariedade coas empregadas e empregados públicos das tres universidades galegas. Así mesmo, rexeita enérxicamente as declaracións do presidente da Xunta que califican de "capciosas" e "populistas" que tratan de dividir ao colectivo de traballadores públicos e enfrontalo coa cidadanía. Recordan que os empregados públicos non teñen soldos desproporcionados, senón que os únicos soldos desproporcionados da Administración autonómica están "nos gabinetes de San Caetano e na multiplicidade de ingresos de certos políticos".

Denuncia que o que pretende a Xunta é a destrución e privatización dos Servizos Públicos e para iso é imprescindíbel a degradación e o desprestixio do colectivo de traballadores públicos. Destacan, ademais, que as políticas actuais da Xunta non fan máis que afondar na degradación dos servizos públicos, nos dereitos da cidadanía e na precariedade laboral

Contido íntegro do manifesto:

 A XUNTA DE PERSOAL FUNCIONARIO DOS SERVIZOS CENTRAIS

MANIFESTA:

O  seu total apoio ao Comunicado conxunto das universidades públicas galegas sobre a aplicación da rebaixa salaria imposta pola Xunta de Galicia no Sistema Universitario Galego.

Tamén manifesta a súa solidaridade coas empregadas e empregados públicos das tres universidades galegas, xa que, aínda que o persoal da Administración Xeral da Xunta de Galicia, xa sufriu este tipo de rebaixas salariais nos orzamentos deste ano 2013, esta Xunta de Persoal entende e comparte, tal e como di o manifesto, que este recorte non é máis que un novo ataque aos Servizos Públicos Galegos e un novo ataque ao prestixio do conxunto dos empregados e empregadas públicas galegas.

Así mesmo, esta Xunta de Persoal rexeita enérxicamente as declaracións capciosas e populistas do presidente da Xunta, Alberto Núñez Fejóo, logo do Consello da Xunta celebrado onte, tratando de enfrontar e dividir ao colectivo de traballadoras e traballadores públicos galegos.

Esta Xunta de Persoal non cre que os salarios das nosas compañeiras e compañeiros das tres universidades sexan desproporcionados e tampouco cremos que así o sexan o de ningún empregado ou empregada pública e lembramos que a maioría do noso colectivo e pouco máis que mileurista. En todo caso, os soldos desproporcionados estamos no certo de que están nos gabinetes de San Caetano e na multiplicidade de ingresos de certos políticos.

O que si entende esta Xunta de Persoal, e o que si sabe toda Galicia, é que as políticas da Xunta teñen como obxectivo a destrución dos Servizos Públicos deste país e a degradación e o desprestixio do colectivo traballador que prestamos as nosas funcións para que a cidadanía galega poida acceder en plenas condicións de igualdade e solidaridade a unha Educación, Sanidade e Servizos Sociais públicos e a unha Xustiza Universal, en definitiva,  a uns Servizos Públicos para todos e todas.

As políticas da Xunta de Galicia non fan máis que crear precariedade laboral e afondar na degradación dos Servizos Públicos. Todo co obxectivo final da destrución do Estado Social e do Benestar que actualmente coñecemos, todo para deixalo en mans de empresas privadas que só terán como fin sacar un beneficio económico suficiente do Sector Público, sen ter en conta os dereitos da cidadanía. 

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2013.