Dende a Cig de Ourense queremos expresar a nosa mais firme protesta ante a suposta contratación no ano 2013, sobre todo na perigosa temporada de alto risco, de brigadas municipais de prevención e extinción de incendios forestais por parte de diferentes empresas privadas.

Nos dende a Cig Ourense sempre manifestamos que o tema do lume forestal en Galiza é un tema moi complexo, pero o que si ten que ter unha perfecta claridade é desvincular totalmente o lume e todo o que o rodea de actitudes mercantilistas que fundamentalmente buscan o negocio económico.

Outro tema moi grave consiste en ter o sistema de prevención e extinción de incendios forestais con múltiples empresas para levar a cabo os traballos necesarios para unha labor tan importante e fundamental para a riqueza medioambiental e patrimonial da nosa terra.

Os datos demostran que por desgracia a nosa terra e concretamente a provincia de Ourense é o territorio de Europa que mais incendios soporta ao ano.

O operativo, que ata o ano 2005, fundamentalmente estaba composto ao 80 % por persoal da Xunta de Galiza e reforzado con contratacións temporais en épocas  de alto risco por parte da mesma Xunta de Galiza permitiu que iste sistema, aínda que soportando practicamente a metade dos incendios que se producían en España, conseguía reducir a superficie queimada por incendio a unha media de 2,6 Hectáreas.

A partir do ano 2006 en adiante a disgregación do operativo en múltiples empresas (SEAGA, TRAGSA, Natutecnia, ect...) trouxo unha diminución paulatina da eficacia na extinción de incendios chegando a valores, nos últimos anos de case 6,2 Hectáreas por incendio.

O noso sindicato parécenos que ante os datos aportados e contrastados non é de recibo fomentar cada vez mais a atomización dun servizo tan importante para a defensa do noso patrimonio forestal, xa que calquer atomización trae consigo de forma automática unha descordinación importante así como unha diminución manifesta da eficacia do servizo e aínda mais introducir nun drama tan grande para o noso territorio o concepto posible do lucro económico, a costa, dos nosos montes.