O motivo desta entrega de sinaturas, prodúcese  polo continuo incumprimento da Xunta de Galicia, da normativa que regula a provisión de postos en comisión de servizos. A Xunta de Persoal de Lugo vén denunciando desde hai un tempo este incumprimento por parte da Xunta de Galicia. Aínda que estas actitudes están postas en coñecemento da Fiscalía e mais do Valedor do Pobo, os traballadores e traballadoras da administración autonómica na provincia de Lugo non deixan de reclamar un cambio por parte da Xunta de Galicia.

Por iso, presentouse no rexistro xeral do edificio administrativo un escrito no que denunciamos o retraso inxustificado dos concursos de traslados que é a primeira causa de que as comisións de servizo estean a converterse nun xeito de promoción profesional. Os concursos deben ser anuais e nisto a Xunta de Galicia tampouco cumpre coa normativa elaborada a tal efecto.

A nosa petición é tan simple como que se cumpra coa regulación vixente en materia de comisións de servizo e iso non é moito pedir. E para que a cobertura de prazas en comisións de servizos deixe de depender da absoluta arbitrariedade e subxectividade dos/das xestores/as da Xunta de Galicia, solicitamos a publicación de criterios obxectivos para valorar e conceder as comisións de servizos. Pedimos por tanto que se fagan públicas, as puntuacións dos/das  solicitantes das comisións de servizo en pro dunha transparencia que hoxe por hoxe non existe en absoluto.

Por estas razóns, por pedir que se cumpra a normativa vixente, dirixímonos ao Director Xeral da Función Pública e á Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Lugo entregándolles varios centos de sinaturas de traballadores e traballadoras que reclaman limpeza e que se fagan visibles os principios de igualdade, mérito e capacidade.

Estamos ante unha utilización perversa dunha figura necesaria, e o persoal que presta os seus servizos na provincia de Lugo non vai quedar de brazos cruzados. Seguiremos a denunciar estas actitudes diante da opinión pública para que poida asistir á utilización que o goberno galego fai dos recursos dos galegos e das galegas.