O director xeral de Función Pública vén de comunicar na Comisión de Persoal que retiran as restriccións de Traballo e Benestar que estaba afectando ás vacacións do persoal laboral.  Convocarán unha xuntanza co Comité Intercentros para o martes, 25 de xuño. A proposta será homexeneizar ao persoal laboral de todas as consellarías co persoal funcionario íntegramente (o bo e o malo).

Medianta resolución da Dirección Xeral de Función Pública o 20 de marzo deste ano publicábase no DOG as instrucións de permisos, vacacións e licenzas para o persoal funcionario. Estas instrucións recollían algunha das ventaxas derivadas das instrucións homónimas da Administración Xeral do Estado como son: poder coller de xeito independente ata 6 días de vacacións, un día adicional de asuntos propios cando un festivo caia en sábado ou domingo ou a consideración como non laborábel do 24 e 31 de decembro.

Desde entón se lle requeriu a Función Pública reiteradamente a reunión da Paritaria para incorporar as melloras destas instrucións no V Convenio Colectivo do persoal laboral. Foi pasando o tempo ata que a comezos deste mes comunicaron que non llo poderían aplicar ao persoal de Traballo e Benestar porque xa tiñan elaboradas as quendas para este ano e cambialas lles daba moito traballo.  Tras varias accións de presións, conseguise que Traballo e Benestar desbloquease o veto e todo o persoal laboral poida gozar destas melloras. O cabalo de batalla agora será loitar para que iso non implique a perda doutras vantaxes xa existentes no Convenio.