Con data do 20 de xuño de 2013 o director xeral da Función Pública comunicounos que, con carácter xeral, durante o periodo abrangido entre o 25 de xuño e o 13 de setembro do ano 2013, ambos inclusive, establécese unha xornada intensiva de traballo. A xornada sería de seis horas continuadas que poderán desenvolverse entre as 8:00 e as 15:00, de luns a venres. Con data do 21 de xuño envíaronse as instrucións oportunas.

Coma sempre, estas instrucións deixan fóra ao persoal con horarios especiais e todo aquel que non se lle viña aplicando con anterioridade. As Oficinas de información e atención á cidadanía e rexistros amplían os efectos destas instrucións ata o domingo, 15 de setembro. Aínda que as instrucións non o aclaran, parece que nos centros e edificios onde aínda non se ficha co sistema Kronos o horario de verán será de 8.30 a 14.30.

Por último, estas instrucións teñen carácter puntual e refírense exclusivamente ao ano 2013. Nunha xuntanza previa da Orde de xornada de verán, flexibilidade e teletraballo, o director xeral manifestou a súa intención de facer unha regulamentación permanente da "xornada de verán". En calquera caso, a dita Orde fixará canto menos a existencia desta xornada, con carácter xeral, entre o 15 de xuño e o 15 de setembro.