O xoves 20/06/2013 tivemos unha xuntanza coa consellería do Medio Rural e do Mar a conto dunha nova proposta de amortización de prazas. Nesta xuntanza a CIG deixou patente a tomadura de pelo que supón convocarnos a unha reunión para informarnos dunha nova amortización de postos dos que, unha vez vista a trapallada de información que nos achegou a consellería, non sabemos nin onde están ubicados.

A CIG negouse a continuar falando mentres non houbese un compromiso por parte da consellería de achegarnos a información de xeito claro e formal, no formato usado habitualmente nas RPTs e acompañada das correspondentes memorias funcional e económica. Os responsables da consellería comprometéronse a enviarnos a información correctamente e, posteriormente, a convocarnos a unha nova xuntanza.

Inda que fose de palabra, o que si quedou claro é a pretensión da consellería de amortizar 64 prazas vacantes así como de deixar de crear 12 prazas que inicialmente ían ser creadas. A desfeita de amortizacións continúa e, según a consellería, a "culpa" é de Orzamentos e de Función Pública, que en aras da redución do déficit "impóñenlle" este novo recorte en emprego público. Mais do mesmo, a política de recortes nos servizos públicos continúa e, segundo se desprende das palabras dos responsables da consellería, non teñen claro que a cousa vaia quedar aí, insinuando que podería haber mais amortizacións.

Desde a CIG rexeitamos esta proposta de amortizacións e todas aquelas que o goberno de Feijóo está a acometer e denunciamos a política neoliberal de recortes dos servizos públicos que o PP está a perpetrar no goberno da Xunta de Galiza e no goberno do Estado.