Este era un titular de prensa do verán prelectoral do ano pasado. Desde entón, e pasadas as eleccións, volvimos sufrir un novo recorte (que non era recorte) que nestes primeiros días de verán apreciamos na diminución da nosa extra. Por se fose pouco, comezouse unha orxía amortizadora de prazas vacantes e non vacantes con despedimentos de empregados públicos (que tampouco eran despedimentos).

As hemerotecas son desleales pero deixan a cada quen no seu lugar. "Eu aos funcionarios non lles vou pedir máis esforzos dende o punto de vista retributivo. Xa fixeron bastante" foron as súas palabras textuais. Era precampaña eleitoral e de aquela a nosa Comunidade Autónoma xogaba na Champions League das Comunidades Autónomas a nivel do cumprimento do déficit. Claro que iso era antes dos informes do Consello de contas que falaban das facturas no caixón e sobre todo, antes das eleccións.

Naquel verán do ano pasado a redución dos moscosos e máis do "absentismo laboral" dábanlle a Feijóo "unha capacidade enorme para aforrar en gastos de persoal". Chegado a final de ano, e sen os efectos dos vapores electoriais, debeu ver claro que non era necesario manter todo o gasto de persoal tendo en conta o elevado grado de privatización e asistencias técnicas que se podían contratar por outros capítulos para facer traballo de empregado público pero de xeito moito máis flexible e de moita máis "confianza".

E cando chegou o recorte aínda tivemos que sofrir a burla de que non se trataba dun recorte, que íamos cobrar un 3% máis que en 2012, igual que cando chegaron os despedimentos tivemos que soportar a burla de que non eran despedimentos senón amortizacións. Agora que vemos o recorte moi clariño nas nosas nóminas, por moito que traten de educoralo coa "xornada de verán flexible", demóstrase irrefutable que o que nos está caendo por riba, como dicía Castelao, non é choiva.