Chamamento da sección sindical da CIG de persoal funcionario dos servizos centrais da Xunta de Galiza

O vindeiro día 1 de xullo, coincidindo co comezo das rebaixas do verán, as traballadoras e traballadores do comercio vario da provincia da Coruña van ir á folga.

Van ir á folga porque, entre outras cousas, quérenlles aplicar unha baixada de soldo dun 10%; suprimir unha paga extraordinaria; desaparición de todas as categorías e mobilidade absoluta do persoal; diminución da porcentaxe obrigatoria de persoal fixo; posibilidade de desprazamento obrigatorio até 50 km ou a retirada do complemento por IT. Sónanche este tipo de medidas?

Efectivamente, a crise non sabemos se é para todas e todos pero os recortes si que están claramente dirixidos á clase traballadora. A patronal ten claro que na etapa na que estamos actualmente hai que atacar e golpear duro ao colectivo traballador e ás súas condicións laborais. E non só para as empregadas e empregados públicos, que por medio dos políticos do Partido Popular (a nosa patronal nestes momentos) estannos impondo recorte tras recorte.

Dende esta sección sindical temos moi claro que só dende a solidaridade e a unidade podemos facer fronte a estas medidas, a este ataque ao Estado Social que estamos a sofrer. Por todo isto, facemos este chamamento aos nosos compañeiros e compañeiras para que o día 1 de xullo non acudan ao comercio, que non merquen nas rebaixas ese día.

Un só día para amosarlles a eses capitalistas que se queremos podemos, que temos máis forza do que nos podemos imaxinar. Que se enteren eses Adolfos Domínguez, o dono de Mango e demais patronos que lles podemos facer dano.

Non está de mais lembrar o que estes paxaros empresarios do téxtil teñen dito en plena “crise”, sen ir máis lonxe: “España se va al desastre porque los socialistas defienden los priviliegios de los funcionarios”, propoñendo o despido libre, criticando que un traballador se collese unha baixa... Isto o Adolfito, pero o de Mango, Isak Andic, pediu públicamente que se botasen á rúa aos funcionarios e funcionarias. E isto é o que pensan todos os patronos pero que só o din libremente estes bocazas.

Por todo o dito, pedímosche que sexas solidario e non merques no comercio da provincia da Coruña o vindeiro luns, día 1 de xullo.