Achéganos a Consellaría de Educación unha modificación da súa RPT de centros de ensino. Había moito tempo que non veíamos un balance semellante de creacións fronte a amortizacións para postos base: crean nove e eliminan dous.

Do total das nove prazas que crean, so tres son realmente novas, pois as outras seis xa estaban dotadas orzamentariamente e ocupadas, ben por persoal interino, ben por persoal en comisión de servizo, co que o que fan é regularizar unha situación de feito.

A CIG leva moito tempo criticando este actuar de Educación e exixíndolle unha corrección da súa RPT: no anterior concurso de traslados de corpos xerais puideron aparecer cinco destes postos que agora regularizan e que non apareceron porque non existían nos papeis. Tan so fallou que educación non fixo os deberes.

Por primeira vez en moito tempo vemos que non crean novas xefaturas de servizo, novas subdireccións xerais, novos postos de libre designación, financiados coa eliminación de postos baixos. Por primeira vez en moito tempo crean postos, exclusivamente, de auxiliar administrativo/a ou subalterno/a. Son para o IES de Ponteareas (que leva funcionando dende o ano 2009, con persoal na práctica pero non na RPT), para o IES de Milladoiro (que abriu en marzo do 2013, xa con persoal na práctica), a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra (co posto que agora engaden xa ocupado dende o 2012), o Centro Residencial Docente de Vigo (crean un posto xa ocupado dende fai un mes), e o Conservatorio Profesional de Música de Compostela.

A nota negativa é que amortizan dous postos: un de gobernante/a e outro de telefonista, os dous por xubilación dos seus titulares, no Centro Residencial Docente de Vigo, xustificando a consellería que son "innecesarios".

A xuntanza inicial terá lugar o venres 5 de xullo. Podes achegarnos as túas consideracións ao noso correo, autonomica@cigadmon.gal