Da última visita da Xunta de Persoal ao Parlamento os grupos da oposición meteron unha pregunta con relación ás múltiples asistencias técnicas presentes na macroconsellaría de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio. A dita consellaría contestou que o escrito "adoece de inexactitudes", "carece de fundamento" e "mesmo falta a verdade".

Xa que logo, a Xunta de Persoal preséntalles agora aos grupos parlamentares unha relación de asistencias técnicas con nomes e apelidos dun centro concreto desta consellaría. A dita relación leva tamén as funcións que realizan, que distan moito das encomendas para as que foron contratadas, e que son propias de de persoal funcionario coma: xestión económica, arquivo, pedido de material ou mesmo de secretario/a de subdirector/a ou alto cargo. Para maior inri, estas asistencias técnicas seguiron realizando as ditas funcións, durante meses, a pesar de que as encomendas estaban caducadas.

Entre os exemplos achegados están os de 3 persoas alleas á Xunta que están traballando na Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental: unha delas reliza funcións de secretaria da subdirectora xeral de Coordinación e Avaliación Ambiental, outra desempeña labores de xestión económica (pago de facturas..., non soamente xestión do Feder) e a última desempeña labores de arquivo de documentación (non exclusivamente documentación do Feder), pedido de material ordinario (papel, tóner...). Outra persoa tamén allea á Xunta está traballando de secretaria do secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Todas contratadas a través dunha encomenda con TRAGSATEC.

Destacan tamén que dende o mes de xaneiro de 2013 ata o mes de abril de 2013 non existiron as encomendas de xestión que se denunciaron. Estas estiveron  en vigor ata o 31 de decembro de 2012. Foi no mes de abril de 2013 cando se renovaron, polo que nos meses de xaneiro, febreiro e marzo de 2013 non estiveron en vigor; porén as  persoas indicadas seguiron traballando sen interrupción durante eses meses, realizando funcións propias de funcionarios. Xa que logo, a Xunta de Persoal pregúntalle aos grupos parlamentares cómo é posible isto. "É inevitable  pensar que TRAGSATEC continuou pagando a estes traballadores e logo xa faría contas coa Consellería", aseguran.

A Xunta de Persoal insiste que a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental debe de explicar esta irregularidade e acusáa de "mentir descaradamente ao afirmar que non hai irregularidades nas encomendas de xestión". Conclúen que "por suposto que existen irregularidades". 

Por último solicitan a intercesión dos grupos parlamentares para coñecer cal é o número exacto de persoal laboral indefinido por sentenza xudicial na Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Aseguran que hai sentenzas recentes de cesión ilegal que demostran que si se están producindo irregularidades nesta consellería.