Os empregados/as públicos/as da Xunta de Galiza vimos recortados nestes dous anos moitos dos nosos dereitos recollidos en acordos e no V Convenio Colectivo, entre eles o dereito ás vacacións que queda fixado en 22 días hábiles para todo o persoal.

O RD-L 20/2012, recortou entre outros, os días de vacacións aos que temos dereito, os días de asuntos propios e suspenderon deixando sen efecto “...os Acordos, Pactos e Convenios ... que non se axusten ao previsto neste artigo, en particular no relativo ao permiso por asuntos particulares, vacacións e días adicionais aos de libre disposición ou de similar natureza” (Art. 8.3 do RD-L 20/2012).

Esta perda de dereitos paliouse, no caso dos funcionarios/as, por unhas instrucións sobre vacacións, permisos e licenzas onde se recollían algunhas melloras. No caso do persoal laboral isto requiría un acordo que aplicase esas instrucións, pero que garantise algunhas melloras que consideramos que o RD-L non impide.

Para isto, despois dunha negociación coa Xunta conseguimos que o persoal laboral puidese ter o mesmo dereito que os funcionarios nunha serie de melloras, que, sen ser o óptimo, conseguían mellorar a situación actual. De aí que a CIG decidira asinar un acordo de aplicación ao persoal laboral das Instruccións do persoal funcionario que contempla:

- Un día máis de asuntos persoais para o 2013 e dous para o 2014.
- Dous días a maiores cando os días 24 e 31 de decembro caian en sábado, domingo ou non laborable. Se ademais se traballa eses días outros dous días máis a maiores de asuntos persoais.
- Posibilidade de coller por separado ata 6 días de vacacións.
- Posibilidade de acumular os días de asuntos persoais aos 6 días de vacacións.
- Mantemento dos servizos mínimos no suposto de ausencia masiva de asistidos.
- Mantemento do disposto no Convenio na consideración de día inhábil para aqueles que traballan a quendas.

NADA DISTO TIÑAMOS DESPOIS DE QUE O GOBERNO APROBARA O RD 20/2012 QUE OBRIGA A QUE TODOS OS ACORDOS PACTOS OU CONVENIOS QUE INCUMPLAN DEIXAN DE ESTAR EN VIGOR.

CIG e CCOO asinamos este acordo. O que non se entende é o papel de doutras organizacións sindicais que, no medio da negociación, decidiron apartarse debilitando a posición negociadora da parte social e abandonando ao persoal laboral a unha situación como a actual que impide acollerse a estas melloras, facendo unha campaña baseada en que as leis non supuxeron recortes no Convenio, contrariamente ao que todo o persoal laboral sabe pois está a sufrilo día tras día, con menos vacacións e menos días de asuntos persoais. Os recortes son reais e o mundo deles ficticio.