Novas por contido

Trala repercusión na prensa da denuncia do comportamento irregular e falta de ética dun subdirector da Consellaría de Facenda, ante o encubrimento da consellaría, ista viuse obrigada a sacar unha nota de prensa argumentando que non apreciaba irregularidade algunha. Ante esta nota, a Xunta de Persoal de Servizos Centrais vén de emitir un segundo comunicado no que desmonta a argumentación da consellaría e achega novos datos.

Neste novo comunicado, máis aló de destacar a actitude de encubrimento dun comportamento pouco ético, queda probado que houbo atención en horario laboral e que se incumpriría a lexislación de incompatibilidades polo que si existirían irregularidades. Xa que logo, a Xunta de Persoal asegura que a secretaría xeral podería tamén incurrir en responsabilidade.

COMUNICADO DA XUNTA DE PERSOAL

Mediante este Comunicado a Xunta de Persoal denuncia a conduta da secretaria xeral técnica e do Patrimonio por incorrer deliberadamente en conduta irregular tipificada como falta grave. O Decreto 94/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia é moi claro ao respecto e cualifica de falta grave a tolerancia dos superiores respecto da comisión de faltas moi graves ou graves dos seus subordinados e esa é a actuación da Secretaria Xeral Técnica de Facenda.

De acordo co escrito de contestación á denuncia presentada interesando o inicio do procedemento disciplinario contra o Subdirector Xeral do Tesouro, esta Secretaría constata que a Xunta de Persoal solicita a realización de actividades previas contra dous cargos da Xunta de Galicia, falseando o contido de dita denuncia que reclamaba a apertura do correspondente procedemento exclusivamente ao subdirector que, de acordo co correo recibido polos traballadores da Xunta, semella ser o único responsable de publicitar e atender a súa actividade privada en xornada laboral e empregando medios públicos.

Por outra banda, dito escrito comunica o acordo desa Secretaría dunha información reservada, sen solicitar en ningún momento do procedementos información ao órgano de representación dos traballadores dos medios de proba nos que basea a súa denuncia.

Ante a resposta da Administración, a Xunta de Persoal quere constatar que, se ben o correo inicial enviouse ás 19:08 horas, o Subdirector do Tesouro atendía a conta de correo da súa actividade privada durante a xornada laboral, como se proba nos correos que obran en poder do órgano denunciante de datas 24 de xaneiro ás 13:37 e 14:54, 28 de xaneiro ás 13:49, 31 de xaneiro ás 14:08, 4 de febreiro ás 10:38 e 10:55 e o 6 de febreiro ás 08:23 e 08:24, conduta que vulnera a normativa sobre incompatibilidades.

Así mesmo, segundo o que se pode deducir da información facilitada polo subdirector, segundo a programación das clases facilitadas (ao ritmo de tres días á semana en sesións e unha hora e media) este funcionario en libre designación tería superado no mes de xuño o límite de 75 h. anuais que lle permite a normativa actual para non ter que solicitar a compatibilidade. Feito que lle obrigaría a renunciar ao complemento específico, que neste ano 2013 recortado da paga extra, ascendería a un total de 18.025,32 € brutos anuais, tal e como establece o artigo 19 da lei 53/84 de Incompatibilidades do Persoal ao Servizo das Administracións Públicas.

 A Xunta de Persoal quere recordar á Administración que a actitude da Secretaría Xeral ao respecto tamén figura tipificada na normativa como falta coa conseguinte responsabilidade disciplinaria polo que se estudarán as medidas a adoptar.

Outras novas recentes

Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Venres, 12 Abril 2024

Educación retira a axuda por discapacidade ao seu persoal funcionarizado

A Consellería de Educación, de xeito unilateral e sen previo aviso, retirou a axuda por persoa con discapacidade a cargo que o persoal funcionarizado tiña recoñecida en base ao V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza. O persoal laboral ten dereito a unha axuda de 180 € mensuais cando ten ao cargo unha persoa con discapacidade e con ingresos inferiores ao SMI. En teoría ese...
Xoves, 11 Abril 2024

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar incumpre a normativa de conciliación da vida familiar e laboral

O Consorcio introduce unha cláusula nas resolucións de reducións de xornada que impide que o persoal poida desfrutar do dereito á conciliación mentres non se cubra con persoal substituto a franxa horaria na que reduce a xornada. A CIG levamos anos denunciando a situación que se produce na concesións de reducións de xornada por conciliacións, incumprindo o artigo 37.7 do...